D. Ramón Ferreiro Regos
Ramón Ferreiro Regos, 'Ramón o practicante'. (Ordes, 15 de setembro de 1923 – 22 de setembro de 2006).
Practicante titular durante máis de 30 anos, a súa faceta profesional exerceuna na súa maior parte no municipio de Ordes. Ademais de obter a praza titular da por entón chamada Asistencia Pública Domiciliaria tamén exerceu no sanatorio Concheiro e como médico da empresa Viriato.
Fillo predilecto do Concello de Ordes dende o ano 1989, tamén lle foi imposta a Medalla de Galicia en 1998, solicitada por proposta popular en recoñecemento á súa entrega á veciñanza. No ano 2003 o Pleno municipal acordou por unanimidade poñerlle o seu nome á rúa na que está situado o centro de saúde.
O grandísimo afecto popular que Ramón Ferreiro acadou ao longo da súa vida veu dado pola súa entrega á hora de dar resposta ás necesidades de saúde, tanto da xente de Ordes como de fóra, gozando aínda a día de hoxe a consideración como exemplo de boa praxe, solidariedade e xenerosidade. Para o seu traballo non había nin días nin horarios establecidos, sen rexeitar nunca os chamados nin as demandas, indiferentemente de que a persoa estivera afiliada ou non ao seguro. Non tiña reparo á hora de facer o seu traballo desinteresadamente para a xente sen recursos. Ao longo da súa traxectoria nunca ninguén quedou sen atender por motivos sociais ou económicos, sendo moi habitual que Ramón Ferreiro pagara do seu propio peto as medicinas daquelas persoas máis necesitadas.