D. Ramón Carro Romero
D. Ramón Carro Romero (Ordes 19 setembro de 1938 – 31 de decembro de 2012).
Foi un dos empresarios máis destacados non só do concello de Ordes senón de toda Galicia. A súa traxectoria como empresario da construción arranca dende ben cedo, cando con só 15 anos comezou a traballar a carón do seu pai. A principios dos anos 40 funda o xerme de CRC Obras e Servizos, empresa matriz do seu grupo, que pronto se sitúa como unha das construtoras de obra pública máis importantes do panorama nacional con delegacións en Galicia, Madrid e Cataluña. A corporación local de Ordes outorgoulle o título de fillo predilecto o 27 de abril de 2010, en recoñecemento pola súa enorme traxectoria empresarial que tanta riqueza e avance achegou ao municipio e á comarca, dando a coñecer o seu nome máis aló das fronteiras nacionais.
Unha das súas claves de éxito foi a continua aposta pola calidade, principalmente do seu equipo humano, e a elevada capacidade de xestión. Foi a partir do ano 2000 cando se inicia o verdadeiro proceso de expansión por toda a xeografía nacional e no estranxeiro, especialmente en Latinoamérica. De forma complementaria participa na execución para proxectos dentro do sector enerxético, como parques eólicos, centrais térmicas e distribución e mantemento de liñas de baixa e media tensión. No ano 2008 CRC Obras e Servizos sitúase dentro das cincuenta grandes compañías galegas, cunha facturación de máis de 110 millóns de euros e cun cadro de persoal de 400 traballadores.
Tamén hai que destacar a empresa de transportes TRC-95, tamén creada e presidida por D. Ramón Carro Romero, o que lle valeu, entre outros éxitos, o recoñecemento especial no ano 2009 de Empresario da Provincia da Coruña por parte da Federación Galega de Transportes de Mercancías. Outros proxectos empresariais nos que figura como socio fundador son Gran Taller (1977), Aresa (1984) e PR-90 (1990).