En 1951 D.ª Anastasia Pisonero Ramos (Tasina) e D. Viriato Lamas Gutiérrez, naturais de Valladolid e Pontevedra respectivamente, fundaron a fábrica téxtil Viriato S.A.

As orixes desta empresa, que supuxo unha grandísima transformación económica e social  para a zona, atopámolas no comercio fundado en Ordes tras o seu casamento. Comezaron a súa etapa como fabricantes tras a compra dunha máquina e a contratación de dúas rapazas. Enseguida a iniciativa de ambos os empresarios e o xeito innovador de levar o negocio comezou a dar os seus froitos. Xa daquela eran habituais as viaxes a lugares como París, Escocia, Italia ou Alemaña para coñecer os avances no sector ou para mercar maquinaria. Co paso do tempo o cadro de traballadores e, na súa maior parte, traballadoras chegou ás 500 persoas capaces de confeccionar 5000 pezas de roupa diarias. Esta gran demanda de man de obra causou unha gran revolución, sobre todo entre as mulleres máis novas que, naqueles tempos, tiñan no campo e no servizo doméstico as únicas saídas laborais. Con todo isto Viriato S.A. converteuse non só en lugar de traballo senón nunha escola para moitas delas. 
En 1988 a corporación municipal outórgalles a distinción de fillos adoptivos, ademais de concederlles a medalla de ouro de Ordes. Unhas distincións que se suman ao Escudo de Ouro de Pontevedra que se lle concedeu a D.ª Anastasia Pisonero Ramos (Tasina).
 

D.ª Anastasia Pisonero Ramos (Tasina) e D. Viriato Lamas Gutiérrez