Ordes acolle un espectáculo no que se mesturan a música, 
o teatro e as técnicas xaponesas de narración oral 

Terá lugar este sábado pola tarde no auditorio da Casa da Cultura. Pola mañá o alumnado da Escola Municipal de Música ofrecerá o Concerto de Ano Novo. Ambas as citas son de balde para as persoas que queiran acudir

Ordes, 5 de xaneiro de 2016. A música será a gran protagonista en Ordes durante a xornada do vindeiro sábado, 7 de xaneiro. Ás 12.30 horas os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Ordes ofrecerán o Concerto de Ano Novo no auditorio da Casa da Cultura. Unha convocatoria aberta a todas e todos os que queiran acudir. A cita está organizada polo Concello e a mesma escola, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Banda de Música de Ordes. 

     Xa para un público a partir dos 12 anos o mesmo escenario, esta vez ás 20 horas, acollerá As pombas do carboeiro. Por primeira vez en Ordes ofrécese un espectáculo do máis orixinal no que o teatro e a música se dan a man para ofrecer unha escenificación baseada na narración oral, a música en directo da Banda de Ordes e a técnica xaponesa do kamishibai para ver historias, contos, lendas, romances e cantos.

     Organizado pola Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes, nesta ocasión tamén colaboran o Concello de Ordes e a Deputación da Coruña, ademais da firma Urdime propostas culturais.
 

TEATRO CON BANDA