A vicepresidenta da Deputación da Coruña, a concelleira de Educación de Ordes e o xornalista Moncho Vilar acompañan á autora de Lesta no acto levado a cabo este venres no Museo do Traxe

O Museo do Traxe foi o lugar escollido esta fin de semana para a presentación de  Luns, libro escrito pola veciña de Lesta Eli Ríos. Ademais de contar coa mesma autora, no acto participaron Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Susana García, deputada provincial e concelleira de Benestar Social e Educación de Ordes, e co escritor e xornalista Moncho Vilar Landeira.

     Unha emocionada Eli Ríos agradeceu a “oportunidade de poder presentar esta obra na casa” e compartiu con todas e todos os asistentes lembranzas “daquela nena que empezou a ter contacto coas letras na unitaria de Lesta. A mesma escola na que quedaba durmida a carón da calefacción durante os primeiros anos de vida”. Un agradecemento que extendeu dun xeito especial ao seu pai, presente na tarde de onte, e moi intensamente á súa veciña e amiga Estrella Vázquez “a que cada día me levaba da man á escola”. 

     Ao longo de case dúas horas, nas que tamén se abriu un turno de palabra para que o público lector compartira as súas impresións, destacáronse aspectos relacionados coa temática da obra. A violencia de xénero e o papel da muller na sociedade de hoxe en día ocuparon a maior parte deste tempo. A perspectiva da creación cultural  como creadora de emprego e riqueza foi outro dos enfoques que suscitou maior interese.

Eli Ríos presenta Luns “na casa”

Premio Torrente Ballester
Luns foi galardoado co premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega 2016 e está considerado como un dos certames máis importantes no territorio galego. Neste senso a última premiada agradeceu a ambas representantes do ente provincial “o esforzo que a Deputación fixo para posicionar a este premio nun lugar tan importante” así como “polo invetimento que se leva a cabo en cultura”. 

    Entre outros títulos Eli Ríos conta na súa bibliografía con: Nós escoitando o badalo de Marienplatz (2010), Rúa da Cancela (2009), María (2013), Diario de fotogramas (2014), Remexido de patacas (2014), Bicha (2015), Bicha (2015), Marta e a píntega (2016), Mulleres bravas da nosa historia: María Victoria Moreno (2016) ou Café intenso (2017). Ao longo de todos estes anos leva recollidos multitude de premios literarios como: Premio de Poesía do Concello de Carral, Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, Premio de Poesía Figurante, Premio de Poesía Manuel Loureiro Rey, Certame de Narracións Curtas Modesto Rodríguez Figueiredo, Certame Francisco Añón de Poesía, Premio Pura e Dora Vázquez de Narración ou o Premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón etc.

     Actualmente é colaboradora habitual dar revista feminista A Sega.