De Chispa a Tatá, o novo espectáculo dos Bolechas, chega mañá sábado a Ordes
Será a partir das 18.30 horas na Casa da Cultura e completamente de balde
Mañá sábado Os Bolechas chegan a Ordes co seu espectáculo De Chispa a Tatá. Será a partir das 18.30 horas na Casa da Cultura e de xeito gratuíto para nenos e nenas de 4 a 8 anos e as súas familias.
O dito espectáculo de monicreques forma parte do programa FalaRedes 2017, desenvolvido desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e que se desenvolve ao longo de 21 concellos integrados na Rede de Dinamización Lingüística (RDL).
En De Chispa a Tatá os Bolechas xogarán a un xigante xogo da “oca”. Para completalo precisarán da axuda do público para superar probas de destreza e contestar preguntas sobre xeografía, fauna ou historia das distintas comarcas e concellos de Galicia. O obxectivo é fomentar a participación en galego dos nenos e nenas na resolución do conflito proposto no guión.
Ademais todas as persoas que participen na actividade poderán optar a premios (lotes de libros dos Bolechas) a través da web www.osbolechas.gal, e no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal).
