A terceira edición desta celebración foi unha das máis concorridas. Contouse coa participación de case unha decena de formacións, nas que o público tamén participou cantando, bailando e tocando instrumentos

Vaia Troula, ruada organizada pola A.C. Camiño Real de Poulo consolídase pouco a pouco como unha das citas folclóricas máis animadas e concorridas de toda a comarca. Así o puideron comprobar todos os asistentes á terceira edición que se celebrou onte na parroquia de Poulo (Ordes). Centos e centos de persoas bailaron, cantaron e desfrutaron durante horas ao compás da música tradicional galega e cos ritmos máis enxenbres. Os máis atrevidos incluso se atreveron a improvisar coa pandeireta, a gaito ou o bombo, xa que cabía a posibilidade de que tocasen algún destes instrumentos. Os petiscos aos que convidaron os organizadores axudaron a repoñer forzas e a manter viva a festa ata ben entrada a noite.
     Nesta ocasión as agrupacións que formaron parte do cartel foron: Somos nós (Ordes), A.C. Veciños de Leira, Xentiña de Trazo, A.C. Brisas do Quenllo (A Pontraga), A.C. Pandeireteiras de Ardevento (O Mesón do Vento), Pandeireteiras das Encrobas, Pandeireteiras de Rodís, A.C. Amigos do acordeón de Sigüeiro e A.C. Sarillo (Aiazo). Por suposto tampouco faltará a A.C. Camiño Real de Poulo, organizadores desta animada cita en colaboración coa cafetería e centro de ocio infantil Feitizo, Manel percusión tradicional, ademais do Concello de Ordes.

Centos de persoas na ruada Vaia Troula