O bar O Mercado acada o primeiro posto no III Concurso de tapas De bo dente
O Little Coffe e o Abacco acadan o segundo e terceiro posto respectivamente
Esta mañá tivo lugar a entrega de premios do III Concurso de tapas De bo dente, celebrado en Ordes o pasado mes de xullo. Nesta ocasión a Filloa Pibil, a Croqueta de mexillóns e champiñóns e as Alitas Tikkamasala do bar O Mercado supuxéronlle alzarse co primeiro premio. O segundo e terceiro posto foron, respectivamente para o Little Coffee e o Abacco.
Por outra banda tamén lle foron entregados os premios á clientela que quixo participar no concurso dirixido ao público, cuxas papeletas coas valoracións resultaron escollidas de entre todas as presentadas. En conxunto hai que falar de importantes premios en metálico, ademais de viaxes e botellas de viño.

O alcalde de Ordes cos responsables do bar O Mercado, gañadores do 1º premio do concurso
O acto de entrega tivo lugar na Praza de Abastos de Ordes, ata onde se achegaron o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e os seus concelleiros de Comercio, Cultura e Educación.
Nesta edición foron vinte os establecementos hostaleiros que participaron no concurso de tapa, unha cita organizada polo Concello de Ordes e patrocinada por Estrella Galicia e a marca de viños Vallobera. Tamén hai que destacar a colaboración de froitería A Nova, perruquería Stilos, centro de estética D´Chus, Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes, zapatería Sanmede, Carma zapatería, tenda de roupa Chic, Sportec, carnicería Ignacio e almacéns Cancela S.L.