Audios dos plenos extraordinarios do mes de xullo

Cinco informes avalan o recurso de reposición contra a modificación de ordenenanzas fiscais e os criterios de contratación menor aprobados no pleno de maio. 

Ademais dos criterios dos técnicos municipais no Pleno extraordinario celebrado hoxe douse lectura aos documentos redactados polas deputacións da Coruña e Badaxoz, que confirman a postura do goberno local de Ordes. 

Ata cinco informes diferentes avalan a postura do goberno local de manterse en contra dos dous acordos plenarios adoutados o pasado mes de maio, no que se aprobou unha modificación das ordenanzas fiscais relativas aos impostos de vehículos de tracción mecánica, bens inmobles e actividades económicas, así como ao establecemento de novos criterios na contratación menor. Unha situación que supuxo a interposición de sendos recursos de reposición ante estas medidas por parte do grupo de goberno. 
     Por outra banda, e amparándose na convicción de que non se incurre en ilegalidade algunha, tanto UxO como o grupo de non adscritos ratificáronse no aprobado en dita sesión. Con todo isto no pleno extraordinario celebrado hoxe rexistráronse oito votos a favor para o mantemento do ditamen preceptivo.
     Tanto os informes presentados polos técnicos municipais locais como os emitidos pola Deputación da Coruña (2017) e a de Badaxoz (2016) avalan, en palabras do alcalde Martínez Sanjurjo, “os recursos de reposición interpostos contra estas medidas, ademais de dotarnos dunha ampla e firme cobertura xurídica, frente a unha secuencia de alegacións sen peso xurídico emitida por representantes da oposición”. 

Resumo dos plenos extraordinarios do mes de xullo

Doble sesión
Ambos recursos foron abordados nun segundo pleno extraordinario que se celebrou de xeito inmediato ao de apertura aos que, como cabía esperar, tanto UxO como os non adscritos se opuxeron. Segundo o punto de vista dos primeiros “non se establece ningunha reserva competencial en favor do alcalde á hora de propor ao Pleno a adopción de acordos en canto ás ordenanzas fiscais”. Conclúen defendendo a ausencia de impedimentos “para que os membros dunha Corporación Local poidan propoñer a modificación dunha ordenanza, sempre que se respecte o procedemento legalmente establecido”. Tamén aluden a que “a modificación das ordenanzas non afecta aos orzamentos en execución, senón aos do seguinte exercicio polo que caben medidas nos gastos que permitan a compesación da caída de ingresos”.
     No seu turno de palabra o rexedor tamén rexeitou as críticas dos non adscritos que o acusan de non cumprir co seu programa no que atinxe á baixada de obrigas fiscais alegando “que todavía quedan dous anos de lexislatura e dúas propostas de modificación de ordenanzas para traballar de cara á baixada do 10% dos impostos”. Pola súa banda o BNG, que na votación optou novamente pola abstención, lembrou a súa emenda da baixada ata o 0,56% do IBI plantexada xa no ano 2015 e defendida ata o día de hoxe, calificando a súa proposta como “técnica, xurídica e socialmente factible” e que “conxelaría a subida da contribución”. No debate Pablo Vidal, voceiro do BNG apostou por evitar “pelexas entre partidos da oposición e o goberno para evitar acabar nun pleito que enredará o asunto”. 
Ingobernabilidade 
O alcalde de Ordes volveu a criticalle a certos membros da oposición as súas ansias por sumir na “ingobernabilidade ao Concello de Ordes para evitar o temor de que o meu grupo político se consolide no poder”, asegurou. Neste punto tivo palabras de agradecemento aos restantes catro concelleiros. Sinalou como principal obxectivo da modifiación das ordenanzas plantexadas por algúns grupos da oposición a perda de capacidade económica do goberno local. Destacou cifras “que indican a efectividade en materia de emprego, como son os 921 parados e paradas rexistrados en xuño de 2015 frente aos 877 de hoxe, a pesar da crise e recentes despedimentos no sector téxtil”.
      Insistiu tamén en que as súas competencias como alcalde e as do pleno “están perfectamente definidas pola Lei de Réximen Local”. Precisamente en base a  esta normativa argumentou o seu rexeitamento aos acordos aprobados o pasado 26 de maio, lembrando unha vez máis o argumentario dos técnicos que insisten en que a modificación das ordenanzas non se poden levar a cabo a través de mocións, senón que estas poden “instar”, e que tanto no caso das bonificacións do IBI como no de actividades económicas se incurre nunha ilegalidade. Martínez Sanjurjo advertiu das consecuencias que tanto para o Concello como para os cidadáns ou para as empresas que decidan instalarse en Ordes poden acarrear por adoutar medidas que non se axuntan á lei.