A biblioteca de Ordes ofrece unha selección sobre a educación en valores
A biblioteca municipal de Ordes anima a todas as persoas interesadas a visitar o seu recuncho titulado Educando en valores. Trátase dunha selección de libros, contos e álbums ilustrados especialmente pensados para nenos e nenas de ata 12 anos. Un complemento idóneo para axudar a educar, guiar ou concienciar en aspectos como a diversidade ou a igualdade. Unha ampla gama de títulos extraídos da colección bibliográfica pertencente ao centro.
Entre outros contidos atópanse lecturas e traballos relacionados coa morte, a chegada dun novo membro á familia, os medos ou as separacións matrimoniais. Problemáticas ou aspectos analizados e seleccionados en colaboración co CIM da Mancomunidade de Ordes e desenvolvidos, nalgún caso concreto, polos diversos programas educativos dos CEIP do municipio.