spacer
A Mancomunidade e a secretaria xeral de Emprego acaparan o protagonismo no segundo día de celebración de ExpoOrdes

Acompañada polo alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, Covadonga Toca coñeceu de primeira man a feira multisectorial e de maquinaria agrícola. Tamén visitou o pavillón do Consello Galego de Cooperativas
ExpoOrdes 2016 vive hoxe o seu segundo día de celebración cunha xornada especialmente adicada á Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes. Representantes e rexedores dos sete concellos que conforman o dito ente supramunicipal acudiron esta mañá ao Campo da Feira de Ordes, reuníndose no posto instalado especialmente para a ocasión e dende o que se promocinan todos os puntos de maior interese turístico de cada un deles.
     Compartindo unha data tan especial estivo tamén Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego. Tras os saúdos de rigor todas e todos os representantes institucionais, entre os que non faltaron tampouco os concelleiros do Goberno Local de Ordes, percorreron a feira. Posteriormente tamén se achegaron ao espazo do Consello Galego de Cooperativas onde desfrutaron dunha degustación.
Tras isto o alcalde, acompañado de varias autoridades, achegouse ata o I Salón de Moda e Eventos que se desenvolve paralelamente no pavillón Campomaior, así como á feira de artesanía situada na Alameda.  
     De cara a mañá domingo agárdase unha gran afluencia de público debido á XXVII Degustación do Champiñón. Dende ben cedo os establecementos e bares da zona comenzarán a repartir de balde tapas e pratos elaborados con este cogomelo. O ambiente festivo, a celebración e a festa están garantidos. A Banda de Música de Ordes, charangas e o grupo de gaitas Os Viqueiras porán a nota musical a este día de festa, que concluirá pasadas as 21 horas.

A Mancomunidade e a secretaria xeral de Emprego acaparan o protagonismo no segundo día de celebración de ExpoOrdes