Homenaxe ao Soldado Lois no Día de Todos os Santos
Dende 1989 a tumba-monumento do heroe de guerra condecorado coa Cruz Laureada de San Fernando convértese en lugar de encontro para centos de persoas que acoden a renderlle honores. Por primeira vez asistirá o Coronel Comandante do Terzo Norte, D. Carlos Pérez-Urruti Pérez
Seguindo coa tradición iniciada no ano 1989 o pobo de Ordes renderalle unha homenaxe ao que está considerado como o seu heroe de guerra máis destacado, Manuel Lois García, coñecido popularmente como 'Soldado Lois'.
O vindeiro martes, Día de Todos os Santos, ás 11.30 horas terá lugar a recepción no salón de plenos do Concello, na que o alcalde e Ordes dará a benvida por primeira vez ao Coronel Comandante do Terzo Norte, D. Carlos Pérez-Urruti Pérez. Tras asinar no libro de honor e arredor das 12 horas no cemiterio do Piñeiro dará comezo a tradicional misa e ofrenda floral ante a tumba-monumento do ‘Soldado Lois’ a mans do rexedor ordense e do alto cargo militar. Fiel a esta cita non faltará a Mariña do Arsenal de Ferrol, cuxos integrantes levarán a cabo formacións, salvas de honor e interpretacións de himnos militares a cargo da súa banda de música.
Deste xeito a xente da zona poderá mostrar o seu respecto ao que é o militar máis popular e admirado do municipio, condecorado coa Cruz Laureada de San Fernando.
Na ampla lista de persoas convidadas e autoridades tamén figuran numerosos mandos da Garda Civil, Policía Local, integrantes da corporación local, os alcaldes da comarca, o presidente da Mancomunidade de Ordes e representantes eclesiásticos.
Historia do Soldado Lois
Nado no municipio de Ordes en maio de 1912, Manuel Lois García ingresa no Grupo das Forzas de Infantería da Mariña en Ferrol. Ese mesmo ano pasa a servir no cruceiro Baleares, asignándoselle como posto de combate o de telefonista do canón 4.
Será a comezos do mes de setembro de 1937 cando navegando por costas alxerianas avisten unha formación cun importante cargamento de material de guerra con destino Cartaxena e Alacante, composta por 4 vapores, 2 cruceiros e 7 destrutores. O Baleares decide atacar, recibindo un impacto que provoca que un cascote penetre na parte alta da caixa de urxencia que contén proxectís iluminadores, esbourando un deles. Como consecuencia prodúcese unha acumulación de gases no seu interior, o que supón un elevado risco tanto para a embarcación como para a súa dotación. Ante esta situación o alférez de navío D. Miguel Pardo de Donlebun solicita un voluntario para abrir a dita caixa, sendo o ‘Soldado Lois’ o primeiro en asumir o requirimento. Nada máis facelo unha enorme labarada envolveuno completamente quedando todo o seu corpo abrasado. As crónicas narran que “coas súas mans agarrou o proxectil. Os seus músculos, que non lle obedecen por estar totalmente carbonizados, fan que caia ao chan. Aínda así co seu peito empurrou o proxectil, o cal rodou pola cuberta ata caer ao mar, pasando así o perigo”.
Ese mesmo día Manuel Lois García falecía na enfermaría do buque mentres o comandante lle impoñía a Medalla Naval, título oficialmente confirmado o 27 de novembro dese mesmo ano. Posteriormente, en maio de 1939, foille concedida a Cruz Laureada de San Fernando. Ademais da súa tumba-monumento o ‘Soldado Lois’ dispón dun monumento no centro da vila, concretamente na Alameda de Ordes.