Concerto de Cheny Wa Gune, mañá xoves en Ordes
Este venres o programa Outono Cultural achegará á Casa da Cultura a obra Esas cousas marabillosas
Mañá xoves, 1 de outubro, o artista Cheny Wa Gune ofrecerá un concerto no auditorio da Casa da Cultura de Ordes. O escenario idóneo para establecer esta viaxe musical entre Mozambique e Galicia, o cal comezará ás 20 horas. A entrada será de balde para todas as persoas que queiran asistir.
Cheny Wa Gune, prestixioso músico africano e no seu día colaborador do do músico galego Fran Pérez Narf, é un recoñecido multi-instrumentista, investigador e compositor. Está considerado a día de hoxe un dos grandes mestres contemporáneos da m'bila, o emblemático xilófono de madeira do pobo Chopi, declarado Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola UNESCO no ano 2005. A súa proposta artística destaca pola capacidade que ten á hora de facer dialogar as raíces e os instrumentos ancestrais de Mozambique con sonoridades urbanas e modernas como o jazz ou o afrobeat.
Esta actuación englóbase no Outono das Artes 2026, iniciativa impulsada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña e que nesta ocasión conta coa colaboración do Concello de Ordes.
Empatía Teatro
Por outra banda, o pano do auditorio María del Carmen Regueira Amor (Casa da Cultura) volverá abrirse, nesta ocasión co gallo dunha nova cita do programa municipal Outono Cultural. Empatía Teatro chega a Ordes coa súa peza Esas cousas marabillosas. Unha obra baseada no aclamado texto do dramaturgo Duncan Macmillan e dirixida a un público a partir dos 14 anos.
Humor, esperanza e emoción mestúranse nun relato no que un neno de corta idade decide realizar unha listaxe das cousas importantes polas que paga a pena vivir despois dun intento de suicidio por parte da súa nai.
O programa Outono Cultural conta tamén co apoio da Deputación da Coruña.