spacer
Ordes licita as obras do grupo de presión e depósito para abastecemento de Montaos

O proxecto, cun orzamento de máis de 130.000 euros, contempla a construción dun depósito de auga e dun grupo de presión con catro electrobombas para mellorar o abastecemento na parroquia de Santa Cruz de Montaos

O Concello de Ordes convoca a licitación das obras do grupo de presión e depósito para abastecemento de Montaos, cuxo obxecto é a mellora do subministro de auga na parroquia de Santa Cruz de Montaos mediante a execución dun novo depósito e a instalación dun grupo de presión.

O proxecto ascende a un presuposto de 130.257,88 euros, IVE incluído (107.651,14 euros sen IVE). As obras contemplan a construción dun depósito de auga en formigón armado de 10,3 metros de longo, 5,3 metros de ancho e 2,8 metros de altura, así como a instalación dun grupo de presión cun caudal de 30 m³/h, formado por catro electrobombas (tres en funcionamento e unha de reserva), aloxado nunha construción de muro de bloques de 4,5 metros de ancho, 3,5 metros de longo e 2,8 metros de altura.

Para o acceso ao depósito instalaranse escaleiras metálicas e construirase unha caseta anexa de 4,5 metros de ancho, 2 metros de longo e 1,9 metros de altura. As obras inclúen ademais as instalacións eléctricas necesarias para o funcionamento e iluminación do conxunto, a valvulería e calderería correspondente, e a execución dun by-pass coa rede existente que permita o funcionamento alternativo en caso de avarías ou tarefas de mantemento.

O prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 21 de outubro de 2026, logo de que a convocatoria fose publicada o pasado 25 de setembro na Plataforma de Contratación do Sector Público.

Ordes licita as obras do grupo de presión e depósito para abastecemento de Montaos