Ordes executará a extensión de abastecemento entre A Grela (Parada) e Fosado (Montaos) para anelar a rede
A actuación, cun orzamento de case 48.400 euros, contempla a instalación de máis de 2.300 metros de tubaxe para ampliar o saneamento municipal na zona
O Concello de Ordes contrata a execución dunha tubaxe de abastecemento entre os núcleos de Fosado e A Grela. O documento, ten por obxecto ampliar o abastecemento municipal nesta zona do Suroeste do concello anelando as redes preexistentes.
O proxecto ascende a un presuposto de 48.363,05 euros, IVE incluído (39.969,46 euros sen IVE). A actuación consiste na canalización dun total de 2.050 metros de tubaxe de polietileno de alta densidade de 90 mm de diámetro exterior e 290 metros adicionais de 50 mm de diámetro, ambas para 16 atmosferas de presión, xunto coa valvulería necesaria para o seu correcto funcionamento.
Unha vez rematadas as obras de canalización, procederase á reposición completa do pavimento afectado mediante unha base de 20 cm de zahorra, 15 cm de grava, tratamento asfáltico semiprofundo e un acabado de 5 cm de aglomerado en quente, de xeito que as vías queden totalmente restauradas ao seu estado orixinal.