A Casa da Cultura de Ordes acolle este xoves a estrea da peza teatral Cotorras
Baixo a dirección de Xoque Carbajal, esta comedia mostra como detrás da aparente normalidade dunha parella poden existir comportamentos machistas. Está interpretada por Luis Iglesia e Victoria Teijeiro
O Auditorio María del Carmen Regueira Amor, situado na Casa da Cultura de Ordes, será o escenario mañá xoves, ás 20 horas, da estrea oficial da obra teatral Cotorras. A peza pertence á prestixiosa compañía Malasombra Producións, con máis de 20 anos de traxectoria. O proxecto estivo conformándose e ensaiándose no propio municipio ordense ao longo do último mes grazas a unha residencia artística desenvolvida en colaboración co Concello de Ordes.
Cotorras, interpretada polos ben coñecidos Luis Iglesia e Victoria Teijeiro, está baseada no texto da dramaturga e directora francesa Audrey Schebat. Preséntase como unha comedia fresca, áxil e mordaz que afonda na vida dunha parella atrapada na rutina. A trama desenvólvese mentres os protagonistas agardan pola chegada duns amigos para cear. O que comeza como unha noite calquera transfórmase nunha sucesión de revelacións sobre as relacións, a falta de comunicación, as xerarquías e a busca da felicidade.
Os recoñecidos actores Luis Iglesia e Victoria Teijeiro son os encargados de dar vida a dous personaxes cheos de matices. A través deles, a obra pon a proba determinadas certezas e saca á luz dinámicas de poder e comportamentos machistas ocultos baixo unha aparente normalidade, propiciando situacións que resultarán moi familiares para o público feminino. “Coa convicción de que non se pode facer humor do machismo, o que si fai esta peza é utilizar o humor para mostrar o machismo. Unha fórmula que axuda a que o público sexa máis receptivo” asegura Xoque Carbajal, director da obra.
O tamén responsable da adaptación do texto apostou decididamente por Ordes para o desenvolvemento e o lanzamento desta montaxe debido ao seu estreito vínculo histórico coa localidade, que leva visitando dende hai 20 anos con distintos proxectos. Xoque Carbajal sinala tamén a importancia de que os municipios pequenos poidan vivir a experiencia dunha estrea absoluta, “feito que me animou a decantarme por Ordes para levar a cabo esta residencia artística”.
Segunda función no Outono Cultural
Para todas aquelas persoas que non poidan asistir á estrea de mañá xoves, a obra volverá representarse o venres, 25 de setembro, ás 20 horas novamente na Casa da Cultura. Esta segunda función estará integrada dentro da programación do ciclo Outono Cultural, organizado polo Concello de Ordes.