Marcos Morales coróase campión do III Torneo Internacional de Xadrez Concello de Ordes
A proba contou con máis dun cento de participantes. Simón Blanco Cela acadou a mellor puntuación entre os/as xogadores/as locais
Ordes, 22 de setembro de 2026. O pavillón Campomaior converteuse o pasado domingo, 20 de setembro, no epicentro do xadrez autonómico coa celebración do III Torneo Internacional de Xadrez Concello de Ordes. A cita reuniu a un total de 103 xogadores e xogadoras con licenza federativa, dos cales 28 pertencían á propia comarca ordense.
A competición, de altísimo nivel deportivo debido á presenza de numerosos participantes que superaban os 2.000 puntos de Elo FIDE, foi valedoira para o XXXVII Circuíto Galego e para o X Circuíto Intercomarcal da Coruña.
O torneo disputouse mediante o sistema suízo a 8 roldas, cun ritmo de xogo rápido de 10 minutos máis 3 segundos de incremento por xogada. Tras un intenso serán de partidas, o mestre Marcos Morales proclamouse gañador da proba, seguido dos tamén mestres José Antonio Sande e de Diego Espiñeira, en segundo e terceiro lugar respectivamente. A campioa feminina foi Enma Campelo Mallo (Oroso). No apartado local a primeira posición ocupouna Simón Blanco Cela (Escola de Xadrez de Ordes), sendo a segunda e a terceira para Agustín Rodríguez e para Álvaro Viqueira respectivamente.
A concelleira de Deportes de Ordes, Ana Soneira, foi a encargada de facer entrega dos títulos e trofeos. En total, repartíronse 1.000 euros en premios en metálico.
Aproveitando o marco do torneo, a organización lembra que as clases da Escola de Xadrez de Ordes darán comezo o vindeiro mércores 7 de outubro a partir das 18 horas no Centro Sociocomunitario Isabel Zendal.