Aberta ata o venres a inscrición para os cursos de Educación de Adultos organizados polo Concello
As clases, paso previo para a obtención do título de graduado en ESO, impartiranse polas tardes de luns a venres na Casa da Cultura.
Ata o vindeiro venres, 25 de setembro, estará aberto o período de matrícula para as clases de Educación de Adultos dirixidas á obtención do título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Esta iniciativa, impulsada polo Concello de Ordes, busca facilitar que a poboación adulta poida completar os seus estudos académicos básicos compatibilizándoos coa súa vida laboral e persoal. O inicio do curso está fixado para o 1 de outubro e a taxa establecida é de 18 € mensuais.
Este ano o horario académico queda establecido de luns a venres de 19 a 21 horas. As clases impartiranse, como vén sendo habitual, no primeiro andar da Casa da Cultura.
Aquelas persoas que queiran inscribirse xa dispoñen da correspondente ficha na páxina web do Concello. Ademais, tamén han de facer entrega dunha copia do seu DNI ou NIE, do modelo de domiciliación bancaria, así como dun certificado do número de conta.
Con esta opción formativa, o Concello de Ordes reafirma o seu compromiso coa aprendizaxe permanente e co desenvolvemento educativo da súa veciñanza.