O Concello de Ordes busca a mellor foto do municipio para ilustrar o seu calendario municipal 2027
O concurso fotográfico Captura Ordes pon en valor o patrimonio natural, cultural e humano do concello. Aberto a todo o público, o prazo de envío de imaxes rematará o vindeiro 11 de outubro
O Concello de Ordes bota a andar unha nova iniciativa cultural e participativa co lanzamento do concurso fotográfico Captura Ordes. O certame nace co obxectivo de fomentar a implicación da veciñanza, pór en valor o patrimonio natural, cultural, arquitectónico e humano do termo municipal, e seleccionar a fotografía principal que ilustrará o calendario municipal do ano 2027.
O concurso está aberto á participación de calquera persoa, sexa ou non residente no municipio, coa única condición de que as imaxes foran tomadas dentro do territorio de Ordes. A inscrición é totalmente gratuíta e, no caso dos menores de idade, requirirase a autorización dos seus proxenitores ou titores legais.
A temática do certame abarca calquera aspecto vinculado ao concello. As súas paisaxes, xentes, tradicións, recunchos especiais ou escenas da vida cotiá. Cada participante poderá presentar un máximo dunha fotografía, que deberá ser estritamente orixinal e inédita. Co fin de garantir a autenticidade das estampas queda expresamente prohibido o uso de imaxes xeradas por intelixencia artificial ou de fotomontaxes que alteren a realidade.
As fotografías deberán enviarse por correo electrónico ao enderezo electrónico cultura@ordes.gal ata o 11 de outubro. No asunto do correo deberase especificar Concurso Fotográfico Calendario 2027 (Nome e Apelidos da persoa participante), mentres que no corpo da mensaxe detallaranse o nome completo do autor ou autora, un teléfono de contacto, o título da obra e unha breve descrición ou localización da toma.
Votación popular
Unha vez pechado o prazo de recepción e verificados os requisitos técnicos, o Concello abrirá unha fase de votación popular en liña. A cidadanía poderá votar pola súa imaxe favorita a través dun formulario público que estará operativo dende o 19 de outubro ata o 2 de novembro de 2026.
A obra que obteña o maior número de votos válidos será proclamada gañadora e recibirá como recoñecemento ser a imaxe de portada e a ilustración principal do Calendario Oficial 2027 do Concello de Ordes, incluíndo unha mención especial do seu autor ou autora tanto no propio almanaque coma nas canles de difusión municipais.
As bases completas e os detalles de dereitos de propiedade intelectual e imaxe poden consultarse de xeito íntegro na páxina web oficial www.ordes.gal.