O Concello de Ordes abre o proceso para investir 258.500 € na mellora de vías na aldea de Vilagudín
vA renovación de cinco estradas mediante a aplicación de aglomerado, a limpeza de gabias e a colocación de sinalización viaria financiarase integramente co remanente líquido de Tesourería
Ordes, 11 de setembro de 2026. O Concello de Ordes deu o seu visto e prace ao proceso de licitación para a execución do proxecto de mellora de diversas infraestruturas rurais na aldea de Vilagudín, na parroquia de Lesta. A actuación inclúe a reforma integral, pavimentación e drenaxe de cinco treitos viarios, incluíndo os accesos cara á Grela, o límite co termo municipal de Cerceda e a baixada ao encoro.
O proxecto conta cun investimento total de 258.510,45 euros (IVE incluído), quedando establecido o presuposto base de licitación en 213.645 euros. O valor estimado do contrato elévase ata os 389.473,52 euros. O financiamento desta intervención correrá integramente a cargo do remanente líquido de Tesourería, tras a modificación de créditos aprobada polo Pleno que tivo lugar o pasado 31 de xullo.
A solución técnica máis axeitada consistirá na reparación de fochas previa con grava, o tratamento asfáltico semiprofundo e a aplicación de capas de aglomerado en quente. Procederase tamén coa limpeza de gabias e salvagabias para asegurar unha correcta drenaxe que garanta a durabilidade da nova capa de rodaxe. Concretamente as zonas onde se intervirá son as seguintes:
Interiores da aldea e saída cara á Grela (AC-413): Mellorarase un viario de dous treitos (250x5 metros e 830x4 metros) e 200 m² de abanicos. Realizaranse dúas gabias de formigón con canalización de pluviais mediante tubo de 400 mm, pozos de rexistro e sinalización. Inclúense dous sinais de Stop.
Interior da aldea de Vilagudín 1: Actuarase en dous treitos (120x4 metros e 30x11 metros). Tamén en 150 m² de abanicos e pintaranse liñas de bordo.
Interior da aldea de Vilagudín 2: Pavimentaran 150x4,5 metros e outros 50 m² de abanicos.
Pista que vai ao límite con Cerceda: Intervirase nun viario de 800x4,25 metros, máis noutros 100 m² de abanicos. Pintaranse liñas de bordo e colocaranse dous sinais de Stop.
Pista de baixada ao encoro de Vilagudín: Procederase a reformar un treito de 355x5,5 metros e 100 m² de abanicos. Instalarase un sinal de Stop.
O prazo oficial para a presentación de propostas económicas e técnicas por parte das empresas rematará o vindeiro 6 de outubro.