Estará vixente ata o próximo venres, 18 de setembro, e terán preferencia as persoas empadroadas no municipio

A Escola Municipal de Música de Ordes anunciou a apertura dun prazo extraordinario de matrícula co obxectivo de cubrir as prazas vacantes para o vindeiro curso académico, que está a piques de comezar. As persoas interesadas disporán ata o vindeiro venres, 18 de setembro, para tramitar as súas solicitudes. A súa entrega haberá que facela a través do rexistro xeral do Concello, tendo preferencia as persoas empadroadas no municipio.

     O plan formativo para o curso 2026-27 distribuirase en dúas modalidades. A matrícula sinxela permite apuntarse nunha soa materia. As opcións dispoñibles son Música e Movemento (para nenos de 3 a 5 anos), Formación Básica (de 6 a 7 anos), Linguaxe Musical (a partir de 7 anos) ou Instrumento (esta última require nocións previas de linguaxe musical). A matrícula completa está pensada para quen desexe combinar varias materias. Inclúe obrigatoriamente Instrumento xunto con Formación Básica (6 e 7 anos) ou Linguaxe Musical (maiores de 7 anos). Ademais, dá acceso a agrupacións colectivas tanto vocais como instrumentais.

     No apartado instrumental pódese escoller entre as especialidades de  piano, guitarra, percusión, violín, violonchelo, óboe, clarinete, frauta, saxofón, trompeta, trompa, trombón, bombardino ou tuba.

     Para máis información pódese contactar co departamento correspondente chamando ao teléfono 981 680 002. Ext. 3.

     A Escola Municipal de Música é un dos proxectos formativos e didácticos de maior relevancia por parte do Concello de Ordes, contando ademais co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.
 

A Escola Municipal de Música de Ordes abre un prazo extraordinario de matrícula para o curso 2026-27