O proxecto inclúe o illamento térmico das fachadas co sistema SATE, unha nova cuberta lateral de panel sándwich, un deshumidificador industrial e a reforma dos vestiarios

O Concello de Ordes iniciou de xeito oficial o proceso de licitación para acometer unha ambiciosa reforma no polideportivo do CEIP Campomaior. Cun orzamento total de 209.169,75 euros (incluíndo os 172.867,56 euros do orzamento base máis 36.302,19 euros de IVE), a actuación busca dar continuidade ás melloras xa realizadas tempo atrás e solucionar de forma definitiva as necesidades de illamento e climatización da parte baixa e dos seus anexos. O valor estimado do contrato ascende a 172.867,56 €. Un investimento financiado integramente con cargo ao remanente líquido de Tesourería municipal. 

         O proxecto incide na necesidade de actuar en todo o perímetro do pavillón, incluíndo a sala polivalente e os corpos baixos situados ao norte e ao leste. Para acadar unha contorna máis eficiente e confortable para o alumnado e os/as usuarios/as, demolerase o revestimento cerámico actual das fachadas sur e leste da sala polivalente para substituílo por unha fachada ventilada de placas laminadas de alta presión (HPL) con illante de la mineral (80 mm). No resto do perímetro de fábrica vista, na fachada norte e nos vestiarios aplicarase un revestimento térmico tipo SATE (80 mm), rematado con pintura plástica.

         Tamén se substituirán as actuais cubertas de chapa de aceiro dos anexos norte e leste por novos paneis sándwich acústicos de aceiro galvanizado (80mm). Instalarase un deshumidificador por condensación de ciclo frigorífico industrial con rede de condutos para garantir unha correcta distribución de aire e controlar así a humidade. Por último reformaranse os vestiarios a través do cambio das luminarias, o pintado de tabiques, o esmaltado das portas existentes e a colocación de rodapés.

         Ata o próximo 6 de outubro estará vixente o prazo para a presentación de propostas.

Ordes licita por máis de 209.000 euros a reforma enerxética do polideportivo do CEIP Campomaior