Aberta a licitación para o proxecto da senda por Reboredo cara ao parque empresarial e beirarúas no Casal
O investimento total supera os 470.000 euros e inclúense tamén as bei-rarrúas e o afirmado nuns treitos do Casal, o acceso ao Alto e a pista do Vilar
Ata o 6 de outubro o Concello de Ordes manterá vixente o prazo de licitación para a adxudicación das obras do proxecto denominado Senda por Reboredo cara ao Parque Empresarial de Ordes e outros. Conta cun un investimento total de 471.262,96 euros (base de licitación: 389.473,52 € máis IVE: 81.789,44 €). O financiamento desta actuación realizarase con cargo ao remanente líquido de Tesourería da administración local.
O proxecto técnico recolle unha serie de actuacións integrais destinadas á reparación do pavimento, canalizacións de drenaxe e melloras de accesibilidade en vías de titularidade municipal xa existentes nas seguintes áreas:
Senda por Reboredo cara ao Parque Empresarial de Ordes: Executaranse 470 metros de senda peonil con formigón e grixo, quedando delimitada por un bordo interior. Inclúe a instalación de tubaxe de polipropileno, con arquetas e pozos de rexistro para a correcta recollida de augas pluviais.
Beirarrúas no Casal (Fase III): Construiranse 450 metros de beirarrúas cunha base de grixo e capa de formigón, protexidas por un bordo. A rede de pluviais contará con tubaxe de 315 milímetros, arquetas e pozos, ademais de executarse dous muros de 45 por 1,5 metros cada un.
Beirarrúas no Casal-Campomaior (Fase IV) e senda provisional: Contémplanse 360 metros de beirarrúas con características similares ás anteriores, ademais de tubaxes de 315 milímetros. A maiores, habilitarase unha senda provisional nun tramo inicial de 190x3,5 m.
Afirmado no Casal (Zona Campomaior): Mellorarase a capa de rodadura da vía en dous treitos (625x4,25 m e 225x4,25 m). Os traballos completaranse coa limpeza de gabias e o pintado de marcas viarias.
Acceso ao Alto (Franqueira): Renovarase o pavimento en dous treitos (605x3,8 m e 95x4,25 m) mediante aglomerado en quente, logo da reparación de fochas e tratamento asfáltico. Inclúe a limpeza de gabias e a sinalización tanto horizontal como vertical.
Pista Vilar (AC-524 á Rúa da Igrexa): Está prevista a mellora da capa de rodadura nun treito de 260x5 metros con aglomerado en quente, tras a reparación de fochas con grava e o tratamento asfáltico semiprofundo. A actuación inclúe os traballos de drenaxe lonxitudinal e transversal e o pintado de liñas de bordo e símbolos.