A sexta edición do evento combinará unha programación formativa centrada nas tradicións ordenses con actos festivos na rúa, entre os que figuran sesión vermú, cantos de taberna e foliada aberta

Un ano máis o Concello de Ordes colabora nunha nova edición da Convidada. O evento organizado polo grupo de gaiteiros Embruxo para o vindeiro 10 de outubro converterá a localidade no maior punto de interese no que se refire a música,  baile e cultura tradicional. Tras meses de preparativos preséntase unha programación que combina unha destacada oferta formativa con actividades lúdicas abertas a toda a veciñanza e visitantes.
     
     Esta sexta edición arrincará xa pola mañá. Terá un marcado carácter didáctico centrado na tradición da comarca de Ordes. Ofreceranse dous obradoiros específicos: un de baile tradicional impartido por Carlos Xosé e outro de pandeireta da man de Xisco Feijoó, ambos cun prezo de 25 euros. A oferta de aprendizaxe complétase cun taller de fabricación de pandeiretas a cargo de Regos Pandeiretas, que se estenderá durante a mañá e a tarde cun custo de 70 euros. Tamén haberá un obradoiro gratuíto de enredos sonoros impartido por Oli Xiráldez durante a tarde.
     
     O apartado musical e festivo comezará antes do xantar cunha sesión vermú amenizada pola charanga Os Argalleiros, procedentes de Sigüeiro. Deseguido terá lugar un xantar popular.
     A programación de tarde e noite trasladará o protagonismo ás rúas e espazos públicos. Ás 19.30 horas terá lugar na alameda de Ordes a xuntanza de todos os grupos participantes nos cantos de taberna, que iniciarán o seu percorrido polos bares da vila a partir das 20 horas.
     
     Para poñer o broche final á xornada, a actividade regresará á alameda ás 22.30 horas co inicio da gran foliada. Esta última cita contará coas actuacións da charanga Benofán e da Requinta de Lampai, abrindo posteriormente o escenario á libre participación de quen desexe tocar. Durante o transcurso da foliada realizarase un sorteo de agasallos doados por colaboradores locais, que inclúe unha pandeireta de nove pares de Manels Percusión, dous punteiros impresos en 3D de Suso Gestal, un pandeiro cadrado de Regos Pandeiretas e un año da Carnicería Enrique.
     
     As inscricións para aquelas persoas que desexen participar tanto nos obradoiros como no xantar popular xa está aberta.

     Contando co patrocinio da Deputación da Coruña, ademais do Concello de Ordes entre as entidades colaboradoras figuran tamén Mesías Carpintería, Suso Gestal, Manels Percusións, Mutante, Carnicería Enrique e Regos Pandeiretas.

Ordes convértese no epicentro do folclore galego coa chegada da Convidada o 10 de outubro