DÍA DE DEPORTE 2026
Ordes celebra unha nova edición do Día do Deporte para promover as disciplinas locais entre a veciñanza
Será este venres pola tarde no Campo da Feira. Poderanse practicar máis dunha ducia de modalidades da man de clubs e organizacións
Ordes, 9 de setembro de 2026. O Concello de Ordes organiza o vindeiro venres, 11 de setembro, unha nova edición do Día do Deporte. Esta iniciativa ten como principal obxectivo dar a coñecer a variada oferta deportiva existente no municipio. Tamén o de animar á veciñanza, con especial atención aos máis novos e novas, a iniciarse e practicar algunha destas modalidades.
O epicentro da xornada será o Campo da Feira, onde os diferentes clubs e organizacións instalarán os seus postos informativos dende as 17 ata as 20:30 horas. No caso de que as condicións meteorolóxicas sexan adversas, a actividade trasladarase aos polideportivos Castelao I e II. En cada un dos espazos, as persoas asistentes non só poderán solicitar información, senón tamén practicar deporte contando co asesoramento e a explicación por parte de monitores e monitoras.
As modalidades que se inclúen nesta nova edición son: fútbol sala (Jogafán F.S.), fútbol (S.D.C. Órdenes), patinaxe (Galia), kickbóxing (Fight Club), taekwondo (Boudsport), tenis, tenis de mesa (Oroso T.M.), atletismo (Atlética A Silva-Ordes), natación (Club Natación Ordes), ciclismo (Club Ciclista SEO), actividades ao aire libre (Club Deportivo K2), lanzamento e precisión (Cornhole Ordes), tiro con arco (Adarve), hóckey (A.C. Ordes e Hóckey Patín Zendal), billar (Ordes Billar Club) e xadrez (Club xadrez Ordes).
Para fomentar a participación e o percorrido por todos os expositores, as persoas que se animen a asistir recibirán de balde un boleto que deberán ir selando a medida que proben as diferentes disciplinas. Aquelas que completen a totalidade do cartón entrarán no sorteo de diverso material deportivo. Un ano máis a iniciativa conta coa colaboración do tecido comercial local a través das firmas As Puntadas, Anova, Alpi e Sportec.