Máis de 800 persoas asistirán este sábado ao xantar popular que se servirá no pavillón Castelao II. O programa inclúe tamén misa e baile 

Máis de 850 persoas teñen confirmada a día de hoxe a súa asistencia á tradicional xuntanza de maiores que o Concello de Ordes ten programada para este próximo sábado, 5 de setembro.

A día de hoxe está confirmada a asistencia do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños. Tamén estarán membros do equipo do goberno local, encabezado polo alcalde José Luis Martínez Sanjurjo, ademais de representantes das demais forzas políticas da corporación municipal.

A cita dará comezo ás 13 horas cunha misa solemne que se oficiará no anexo cuberto do CEIP Castelao. A partir das 14.30 horas o pavillón Castelao II converterase nun gran comedor no que se servirá un xantar popular. Abrirase con entrantes de empanada, seguidos dun primeiro prato de polbo á feira e un segundo de xarrete asado con patacas, gornición e pan. Sempre baixo o selo das denominacións Ternera Gallega e Pataca de Galicia. Concluirase con sobremesas como larpeira, xeado, torta ou queixo con marmelo. Todo acompañado de viño branco e tinto con denominación de orixe. Non faltarán tampouco as augas, refrescos, café, infusións e licores. As persoas con algún tipo de intolerancia ou alerxia contarán con menús alternativos. A xornada estará animada por un grupo musical que actuará tanto á hora do vermú como na sobremesa.

Esta xuntanza está pensada especialmente para as persoas de 60 anos ou máis empadroadas no municipio e para pensionistas de calquera idade. Tamén para maiores de 60 anos ou pensionistas que, aínda non estando empadroadas, nacesen en Ordes, así como para cónxuxes e parellas.

Desde o Concello lembran a importancia de asistir co DNI e co resgardo de inscrición para poder acceder ao recinto e desfrutar desta celebración.

Ordes réndelle tributo aos seus maiores