O Concello de Ordes abre o proceso de licitación para transformar as oficinas da Mancomunidade nunha nova sala de lectura e espazo cultural multiusos 24h
O orzamento total achégase aos 200.000 euros, dos cales 150.000 serán sufragados pola Xunta. O prazo para o envío de ofertas remata o día 14.
Cun orzamento total de 199.863,99 euros (165.176,85 € sen IVE), o Concello de Ordes vén de abrir o proceso de licitación para a instalación dunha sala de lectura e espazo cultural multiusos. Situarase nas antigas oficinas da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, situadas na rúa Xosé Xoxardo (baixos da Alameda). A financiación do proxecto correrá a cargo do propio Concello e da Xunta de Galicia, que achegará un total de 150.000 euros tras o convenio asinado coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (15.896 e 134.104 € nos anos 2026 e 2027, respectivamente).
A súa adecuación permitirá dotar o municipio dunha infraestrutura versátil, accesible e de servizo ininterrompido (24 horas), ampliando as capacidades da biblioteca municipal adxacente sen restricións horarias.
Ademais de estudo, o innovador deseño arquitectónico propiciará un centro de difusión cultural dinámico grazas á súa configuración totalmente flexible. Ademais de zona de fomento para a lectura e o estudo, no seu interior poderanse levar a cabo presentacións e encontros literarios nun espazo diáfano cun mobiliario facilmente reconfigurable. Tamén servirá para a celebración de actividades específicas como contacontos e obradoiros, ou mesmo para exposicións temporais.
O criterio estético priorizará o fomento da concentración dos usuarios, polo que a paleta de materiais utilizados se limita á madeira e á pureza do branco. A distribución articularase mediante grandes mesas corridas e unha mampara de vidro que delimitará unha aula destinada á creación e investigación grupal (debates, clubs de lectura, etc.). Tamén contará cunha pequena zona de office con máquinas expendedoras integradas.
Co obxectivo de lograr a súa máxima rendibilidade, a sala poderá ofrecer servizo ao público de forma ininterrompida. En horario diurno poderá conectarse coa biblioteca municipal, funcionando como unha extensión natural dos seus fondos. Tamén caberá a posibilidade de acceder a ela a partir da tardiña e durante toda a noite (autonomía 24/7) grazas a unha entrada independente totalmente accesible desde a vía pública.
Actuacións previstas
As actuacións principais para a adecuación do interior inclúen a desmontaxe íntegra de tabiques de xeso, portas de madeira, pavimentos laminados, teitos rexistrables e instalacións obsoletas das antigas oficinas para lograr un espazo diáfano. Para comunicarse verticalmente coa biblioteca municipal, executarase unha escaleira interior con estrutura de aceiro e pegadas de madeira maciza de carballo. Ademais, contará con acceso universal para todo tipo de persoas. No que se refire aos acabados, colocaranse novos paramentos, falsos teitos acústicos, pavimentos de madeira e repararase a estanqueidade do encontro superior da fachada ventilada exterior. O proxecto tamén contempla a renovación integral dos sitemas de climatización, ventilación, telecomunicacións, protección contra incendios, iluminación LED e sistemas de seguridade e control de accesos 24h. Por último, equiparase con armarios modulares, mesas de estudo electrificadas con separadores e iluminación individual, área de office e un sistema audiovisual con monitor profesional de 75" na aula grupal.
O prazo para a presentación de ofertas técnicas e económicas rematará o vindeiro 14 de setembro.