O Concello de Ordes saca a licitación a ampliación do cemiterio do Balado por algo máis de 459.000 euros
O proxecto contempla a construción de 288 novos nichos. As empresas interesadas teñen ata o 28 de setembro para presentar as súas ofertas
O Concello de Ordes anunciou a apertura do proceso de licitación para as obras de ampliación do cemiterio municipal do Balado. O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 379.780,39 euros (459.534,27 euros con IVE incluido).
A actuación consistirá na execución dunha nova mazá composta por dúas caras con 36 panteóns familiares cada unha, xerando un total de 72 novos panteóns e 288 nichos (catro urnas por panteón), ademais dun cinceiro. Os traballos ocuparán un dos espazos de reserva xa previstos para este fin dentro do recinto actual, situado no Lugar do Balado s/n.
Características técnicas e estéticas
A disposición das novas sepulturas responderá ao tipo de mazá pechada con galería de protección e unha contorna axardinada con largos superiores a 1,50 veces a altura dos panteóns. En canto á tipoloxía, materiais e acabados, manterase unha estética similar á das instalacións xa existentes no camposanto para garantir a harmonía visual do conxunto.
A construción realizarase en formigón armado in situ para as lousas de cimentación e os forxados de cuberta. O resto da estrutura estará constituída por módulos prefabricados de formigón en formación de nichos apilables. A cuberta do edificio será a dúas augas, feita con placas de fibrocemento e tella cerámica sobre tabiques palmeiros e correas prefabricadas de formigón pretensado.
Exteriormente, as frontes revestiranse cun chapado de granito tipo silvestre con acabado abuxardado fino e apomazado, acorde coa contorna. A instalación dotarase de canalóns e baixantes de pluviais fabricadas en cobre.
O proxecto xustifica que o cemiterio municipal xa dispón de todos os medios e servizos necesarios para o seu correcto funcionamento de conformidade cos decretos reguladores de instalacións funerarias. Por este motivo, non se considera precisa a execución de novas dotacións complementarias máis alá da propia construción dos panteóns.
Prazo de presentación
O prazo para que as empresas contratistas poidan presentar as súas ofertas económicas e técnicas concluirá o vindeiro 28 de setembro.