Os Concellos de Ordes e Frades inician o trámite para adquirir unha miniexcavadora e un remolque
O investimento total ascende a 67.000 euros e conta co financiamento do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta. As empresas interesadas teñen ata o vindeiro 6 de agosto para presentar as súas ofertas
O Concello de Ordes vén de iniciar o trámite de licitación para a adquisición dunha miniexcavadora e un remolque específico para o seu transporte. Este equipamento técnico estará adscrito ao Servizo de protección do ambiente e do espazo natural nos Concellos de Ordes e Frades, co obxectivo de optimizar os traballos de conservación ambiental en ambas as dúas entidades locais.
A incorporación destes novos medios mecánicos permitirá executar de forma eficiente e sostible diversos traballos de mantemento e restauración previstos no proxecto común. Entre as principais tarefas destacan o acondicionamento do terreo, a limpeza e desbroce de drenaxes e canles de auga, así como o control e a estabilización da erosión en zonas degradadas ou de alto risco.
A miniexcavadora, grazas ás súas dimensións, facilitará intervencións precisas e de baixo impacto ambiental en espazos reducidos ou de difícil acceso. Pola súa banda, o remolque garantirá un transporte seguro, rápido e homologado da máquina entre as diferentes zonas de actuación, reducindo os custos operativos e optimizando os tempos de execución.
Orzamento e financiamento
O proxecto conta cun orzamento base de licitación total de 67.000 euros (valor estimado do contrato: 55.371,90 €). Desta cantidade 49.500 € correspóndenlle á miniexcavadora e 5.871,90 € ao remolque. O IVE (21%) en conxunto ascende a 11.628,10 €.
Esta adquisición realízase ao amparo da Orde do 16 de xaneiro de 2026 da Xunta de Galicia, que regula as axudas do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2026 destinadas a entidades locais baixo o sistema de xestión compartida. Isto supón un importe subvencionado de 43.550 € (65%). O prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas económicas e técnicas remata o vindeiro 6 de agosto de 2026.
Requisitos técnicos, garantía e prazos
Os equipos subministrados deberanse entregar totalmente novos e certificados pola empresa titular das patentes. Entre os requisitos técnicos requiridos para a miniexcavadora figuran: peso operativo mínimo de 2.400 kg, motor diésel de polo menos 16 kW, cabina pechada insonorizada coas homologacións de seguridade correspondentes, depósito mínimo de combustible de 28 litros, GPS localizador, enganche rápido hidráulico, dobre filtro de aire e tres cazos intercambiables.
No caso do remolque, entre outras condicións, deberá estar dotado dunha plataforma mínima de 4,5 x 1,30 metros, dous eixes con freo de inercia, tratamento de galvanizado en quente, cabeza de inercia de 3000 Kg, roda de apoio lateral, 2 patas de apoio, ramplas e un localizador GPS incluído.