Ardemil prepárase para celebrar a súa tradicional Malla coa feira de antigüidades máis grande de Galicia
Organizada para esta fin de semana pola Asociación Cultural Castro da Croa, contará cunha gran exposición de motores clásicos, animación musical, gastronomía tradicional e circuíto de tractores para a cativada
A Asociación Cultural Castro da Croa, en colaboración co Concello de Ordes, organiza unha nova edición da Festa da Malla de Ardemil, que se celebrará os vindeiros venres 7 e sábado 8 de agosto de 2026. Este evento gastronómico e etnográfico volverá converterse no máximo expoñente desta tradición rural cunha programación que combina música, antigüidades, motor e gastronomía.
A programación arrancará o venres a partir das 22 horas cunha gran grella popular a base de touciño entrefebrado, que se ofrecerá de balde para todas as persoas asistentes. A xornada nocturna estará amenizada pola actuación musical de Yuni Remix.
Xa o sábado concentrarase o groso da programación e das actividades. A partir das 12 horas dará comezo a recreación histórica da malla tradicional, que compartirá espazo coa Feira de Antigüidades e Tractores Novos e Antigos, consagrada como a feira máis grande desta especialidade de toda Galicia. O recinto acollerá unha gran exposición de coches e motos antigas, tractores, mobles, pías, arapos e motores antigos de mallas. Os profesionais e afeccionados interesados en participar na feira poden chamar ao teléfono 676 221 905 para inscribirse. Todos os expositores recibirán un ticket de cortesía.
Un grupo de gaitas será o encargado de animar a xornada matutina, mentre que para a cativada instalarase un circuíto de tractores da marca Rolly Toys. A música en vivo correrá nuevamente a cargo de Yuni Remix, tanto polo día como de noite. Baixo unha gran carpa servirase polbo e carne ao caldeiro.