• O Consello dá luz verde á sinatura do convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello para adaptar o inmoble coñecido como Baixos da Alameda
  • O proxecto ten por obxectivo converter este espazo nun epicentro comunitario onde ofrecer unha programación de actividades dinámica e aberta
  • O investimento vai na liña do compromiso do Goberno galego coa modernización de instalacións nos municipios de todo o territorio e co cumprimento da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia

O Goberno galego destinará 150.000€ para a implantación no municipio coruñés de Ordes dunha sala de lectura e Centro Cultural Multiúsos, tras a autorización hoxe no Consello da Xunta do convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello, por un valor total de 199.000€, que lle permitirá á veciñanza contar cunha infraestrutura versátil que complemente as capacidades da biblioteca municipal.

Trátase dun proxecto que recolle a adecuación do edificio denominado Baixos da Alameda, dedicado na actualidade a oficinas, e no cal se pretende levar a cabo obras que acondicionen o seu interior para transformalo nun espazo chamado a ser o epicentro cultural da localidade, xunto coa biblioteca adxacente.

Así, o investimento total da intervención distribúese en dúas anualidades, de maneira que para 2026 o Goberno galego reserva 15.896€ € destinados a traballos previos e para o 2027 achega 134.104€. Neste senso, a actuación a realizar consiste en levar a cabo demolicións e actuar sobre as fachadas e particións, ao que se suma a instalación dos distintos sistemas, a xestión de residuos e a dotación de equipamento.

O obxectivo é crear un centro deseñado para albergar todo tipo de actividades e localizado nun lugar estratéxico, de maneira que sexa un punto de encontro para a cidadanía onde poder atopar unha oferta cultural dinámica e aberta, máis alá da creación de postos de estudo ou de lectura.

Deste xeito, a Xunta comprométese a colaborar coa posta en marcha dunha infraestrutura en condicións que permita o acceso real á cultura, con programación de calidade, a todas as persoas con independencia de onde vivan, en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia e co seu plan de modernización de instalacións en todo o territorio.

A XUNTA DESTINA 150.000 € A ADECUAR EN ORDES UNHA SALA DE LECTURA E UN CENTRO CULTURAL MULTIÚSOS