No primeiro caso poderán participar nenos/as e mozos/as nados entre 2008 e 2022. O segundo está orientado ata a categoría infantil.

O club Jogafan Ordes F.S., en colaboración co Concello de Ordes, vén de comunicar a apertura do período de inscricións para as escolas deportivas municipais de fútbol sala de cara á vindeira tempada 2026/2027. O programa está dirixido a nenos/as e mozos/as nados entre os anos 2008 e 2022.
    A oferta deportiva estrutúrase en sete categorías: Biberón (nados en 2021 e 2022), Prebenxamín (2019 e 2020), Benxamín (2017 e 2018), Alevín (2015 e 2016), Infantil (2013 e 2014), Cadete (2011 e 2012) e Xuvenil (2008, 2009 e 2010). A formalización da matrícula deberá facerse de xeito telemático a través da plataforma dixital Cluber. As persoas interesadas poden acceder directamente ao formulario de inscrición escaneando o código QR oficial habilitado no cartel informativo do evento, o cal atoparán nas redes sociais do club e do Concello de Ordes.
     Para resolver calquera dúbida ou solicitar máis información sobre as actividades, horarios ou tarifas, a organización pon a disposición do público o teléfono de contacto 608 451 723.

 A.C. Ordes

Por outra banda, ata o 21 de agosto o club A.C. Ordes manterá o prazo para poder apuntarse ao Campus de Pretempada 2026/2027. A actividade está dirixida especificamente a xogadores/as ata a categoría infantil, co obxectivo de poñer a punto o seu rendemento físico e técnico antes do inicio das competicións oficiais.
     Celebrarase os días 31 de agosto e 1, 2, 3 e 4 de setembro. Será no pavillón Castelao I de 9 a 14 horas, estando dirixido por José Ramón López Regos, Juan Luís López López e Ana Sanjurjo Losada. Todos/as eles/as contarán coa colaboración de adestradores e xogadores vinculados ao hóckey, intervindo nas áreas de traballo escollidas. Trátase de tecnificación, patinaxe e habilidades específicas, porteiros, táctica e estratexia, preparación física, psicoloxía deportiva, traballo en equipo e cohesión grupal, ademais de competicións e actividades lúdicas.
     Dado que as prazas son limitadas, os/as interesados/as en obter máis información ou tramitar a súa reserva deben contactar directamente a través do número de WhatsApp 677 368 592.