O canon mínimo estipúlase en 29.000 € e o prazo para ofertar rematará o 30 de xullo

Ata o 30 de xullo estará vixente o prazo para a adxudicación da explotación dunha barra de bar durante as festas patronais de Santa María de Ordes (12, 13, 14, 15 e 16 de agosto). O canon mínimo estipúlase en 29.000 euros, sendo obxecto de licitación á alza por parte das persoas licitadoras.

Tal e como se concreta no prego de prescricións técnicas tanto a instalación como a retirada do equipamento necesario correrán a cargo do contratista. A barra situarase no entorno do punto de celebración da festa e terá unhas dimensións máximas de 30x4 metros, sen poder exceder os 120 m² de superficie. O horario base de explotación irá de 11 a 4 horas (4:30 h en fin de semana e vésperas de festivos), tal e como se especifica na Orde do 23 de octubre de 2020 (DOG nº 219, do 30/10/2020). Deberase contratar as persoas precisas para poder levar a cabo a actividade, cumprindo coa normativa vixente en materia laboral e de seguridade social. Ademais, deberá ter subscritos os seguros obrigatorios e outro que cubra as responsabilidades que se deriven da execución do contrato. Tamén unha póliza que dea cobertura á responsabilidade civil polos danos que poidan ocasionar as propias instalacións e o seu funcionamento, e moi particularmente os riscos que afectan ao público asistente.

As instalacións incluirán frigoríficos e conxeladores para a conservación daqueles produtos que o requiran, así como subministración de auga potable e sistema hixiénico de eliminación de residuos tanto sólidos como líquidos.