A Alameda de Ordes e a Praza Cidade de Veracruz-México, escenarios para Unha viaxe pola cultura
O programa para todos os públicos desenvolverase do 1 ao 11 de agosto mesturando teatro, maxia, festas infantís, clown ou música e baile
O Concello de Ordes, en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, vén de presentar a súa programación cultural para o vindeiro mes de agosto. Unha viaxe pola cultura inclúe unha gran variedade de espectáculos que van desde a maxia e o teatro ata a danza e a música folclórica. Todo un abano de citas dos máis diversos contidos e estilos para darlle cabida ao gozo por parte dun público de distintas idades e preferencias.
O folclore e a tradición maracarán o inicio do programa o sábado 1 de agosto, co tradicional Encontro Folclórico. As agrupacións Sementes da Arte, Camiño Real de Poulo, Veciños de Leira Gaiteiros e as pandeireteiras de Ardevento actuarán ás 20 horas na Alameda de Ordes. O luns día 3 será a quenda para Paula Quintas e Arturo Cobas co seu espectáculo Royal. Peza cómica que mestura clown e danza cargados de ritmo, humor, emoción e acrobacias (+3 anos). O martes 4 Umami Dancetheatre ofrecerá Agridulce, onde se entrelazan historias valéndose de breakdance, teatro, pantomima e comedia física para abordar a discriminación racial, de idade e sexual. Ambas actuacións terán como escenario a Praza Cidade de Veracruz-México ás 20 horas.
O mércores 5 de agosto Pistacatro chegará co seu Autoestopista intergaláctico. No show intégranse transformismo, humor absurdo, malabares e equilibrios dándolle cabida a unha divertida sucesión de personaxes cómicos. Será ás 20 horas na Alameda de Ordes. No mesmo espazo e á mesma hora, pero o xoves día 6, Teatro Ghazafelhos evocará as aventuras de Sherezade e as súas Mil e Unha Noites coa peza Sherezade, Aladino e os tres beduinos.
Os días 10 e 11 de agosto a Praza Cidade de Veracruz-México volverá servir de escenario a partir das 20 horas para as pezas Tal vez e Foto, foto. Na primeira Cía Artrópodo, proxecto de circo contemporáneo, dará renda solta as súas acrobacias, equilibrios, malabares e humor. No segundo caso o protagonismo recaerá no mago e ilusionista galego Dani García.
Día do neno/a
Unha das xornadas máis agardadas pola cativada dentro do programa Unha viaxe pola cultura é sempre o Día do neno/a. O venres 7 a partir das 17 horas o Campo da Feira e a piscina do Muíño serán lugar de encontro para centos de nenos e nenas con gañas de desfrutar cos inchables, os xogos e, especialmente, coa festa da espuma que servirá de remate a esta cita.