Organizado por AECOR, o programa consta de 4 horas de formación práctica dirixida a empresarios e autónomos da zona

AECOR, en colaboración co Concello de Ordes, a Xunta de Galicia e Comercio Galego, vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para o Curso Práctico de Redes Sociais para o Comercio Local. Búscase así dotar aos negocios de proximidade das ferramentas dixitais necesarias para mellorar a súa presenza en liña e captar nova clientela.
     As sesións constarán de 4 horas de carácter práctico os días 15 e 29 de xullo, as cales terán lugar ás 20.30 horas no Salón de Plenos (baixos da Alameda). O obxectivo principal do programa é que as persoas asistentes aprendan a sacar o máximo partido ás plataformas dixitais fundamentais para o sector comercial. Os bloques de contido incluirán a mellora do perfil en Instagram, Facebook e Google; estratexias de publicación para atraer público e aumentar a visibilidade, técnicas de fotografía e vídeo con teléfono móbil, deseño con Canva, planificación de contidos para aforrar tempo e o uso de estatísticas e ferramentas para medir resultados.
     O curso será gratuíto para as persoas asociadas, aínda que a convocatoria tamén está aberta a calquera autónomo/a ou empresa da comarca ordense que desexe participar. Para formalizar a matrícula hai que chamar ao teléfono 622 827 842, en horario de 8 a 15 horas de luns a venres. Recoméndase facelo o antes posible xa que o número de prazas é limitado.