As persoas que participen terán opción de gañar unha PlayStation 5 tras completar un máximo de dúas misións de catro retos cada unha

A asociación AECOR Centro Comercial Aberto, en colaboración co Concello de Ordes e a Xunta de Galicia, xa está a levar a cabo a campaña O Reto do verán. Unha iniciativa na que os/as consumidores/as poderán gañar unha consola PlayStation 5 mentres realizan as súas compras habituais na vila.

A campaña abrangue dúas misións con catro retos en cada unha delas, para o que é preciso facerse coa Tarxeta de Misión, a cal se divide en dúas fases independentes. Basta con facer calquera compra nos establecementos asociados para conseguila de balde.

Misión 1
A primeira folla de ruta está deseñada para fomentar o consumo circular e dar visibilidade aos negocios físicos do municipio. Os retos neste caso son:
Reto do Tícket Inicial (Consumo). Para obter a tarxeta e o primeiro selo de activación será imprescindible realizar unha compra mínima en calquera comercio ou servizo asociado.
Reto da Hostalería (Sabor a Ordes). Haberá que consumir nos locais de restauración, cafeterías ou bares.
Reto do Escaparate (O Enigma Visual). Consiste en localizar un código ou elemento oculto cunha palabra clave nos escaparates dos comercios participantes.
Reto do Sector Mixto (Diversificación). Para completalo realizarase unha pequena compra nun sector comercial diferente ao primeiro.

Misión 2 
A segunda misión combina a experiencia física de compra coa interacción dixital co obxectivo de potenciar a presenza en liña das tendas de Ordes.
Reto Dixital (Redes Sociais). É necesario ser seguidor/a do perfil oficial de AECOR en Instagram ou Facebook e darlle Gústame á publicación oficial do sorteo.
Reto da Fotografía (A Comunidade). Haberá que subir unha historia ás redes sociais cunha foto realizando unha compra en Ordes, etiquetando á asociación e usando o hashtag #ORetoDoVeránAecor.
Reto do Sábado (Fidelidade). Consiste en realizar unha compra especificamente durante as xornadas de fin de semana.

Reto de Recomendación (O boca a boca). Na tarxeta de participación haberá que incluír un comentario indicando cal é o recuncho ou comercio favorito da localidade e o motivo para recomendalo.
O sistema deseñado para a campaña O Reto do Verán está deseñado para premiar o dobre de esforzo. Deste xeito a clientela que complete os catro retos da Misión 1 poderá depositar a súa tarxeta na urna tendo unha opción para obter o premio. Aquelas persoas que completen os outros catro retos da Misión 2 duplicarán as súas posibilidades de gañar o sorteo final.
As urnas están situadas nos propios establecementos. O prazo para selar e depositar os retos rematará o vindeiro 31 de xullo. As bases completas están dispoñibles na web oficial www.aecorcca.com.