O Concello de Ordes rendeu esta maña unha homenaxe ao alumnado distinguido cos Premios MEGAU ou con Matrículas de Honra
O Salón de Plenos do Concello de Ordes acolleu este mediodía unha recepción oficial en homenaxe ao alumnado da comarca que remataron a súa formación no IES Ordes acadando os recoñecementos MEGAU e/ou Matrícula de Honra ao remate da Educación Secundaria Obrigatoria.
O acto estivo presidido polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e contou coa presenza do director territorial na Coruña da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Santi Freire; da presidenta da Mancomunidade de Ordes, Susana García Gómez; do director do IES Ordes, Manuel del Río Gómez; dos alcaldes de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez García, e de Frades, Roberto Rey Martínez; das direccións do CPI Ponte Carreira e do CPI O Cruce de Cerceda, así como das familias dos alumnos e alumnas homenaxeados.
Durante a súa intervención, o alcalde de Ordes quixo facer unha mención especial a todo o alumnado que este curso rematou 2º de Bacharelato no IES Ordes, destacando que cada estudante, con independencia das cualificacións ou dos recoñecementos obtidos, representa un motivo de orgullo para a comunidade educativa e para Ordes. Salientou o esforzo, a superación persoal e o traballo realizado ao longo destes anos, desexándolles a todos eles o maior dos éxitos na nova etapa que agora comezan.
Un dos momentos máis emotivos da xornada foi cando cada un dos trece alumnos e alumnas homenaxeados tomou a palabra desde o atril do Salón de Plenos, compartindo coa audiencia a súa experiencia durante os anos de estudo, os retos superados e as súas ilusións e aspiracións de futuro. Nas súas intervencións explicaron os estudos universitarios ou itinerarios formativos que desexan iniciar nos próximos meses, deixando unha mensaxe de esforzo, constancia e confianza para as novas xeracións.
Pola súa banda, o director territorial de Educación puxo en valor a excelencia académica do alumnado, así como o papel esencial do profesorado e das familias no acompañamento do seu proceso educativo.
O Concello de Ordes, xunto cos de Cerceda e Frades, reafirman deste xeito o seu compromiso coa educación, o mérito e o talento da mocidade, agradecendo tamén o traballo desenvolvido polos centros educativos da comarca para formar persoas preparadas e comprometidas co seu futuro.
As alumnas e alumnos recoñecidos foron:
De Ordes; Uxía Bodelo Fernández, Antía Calviño Salgado, Sandra Castro Mosquera, Lucía Deus Recouso, María Feijóo Gigirey, Aldara Garabato López, Mario Martínez Liñares, Alba Patiño Berdomás e Lucas Sánchez Ruibal.
De Cerceda; Carla Dubra Rama e Lucía Rey Riveiro.
De Frades, Laura Gómez Taboada e Brais Salgueiros Vázquez.
