O Concello de Ordes abre a licitación das obras de mellora da vía entre O Casal e A Armada en Vilamaior
Incluído no Plan Camiños Rurais 2026-27 da Xunta de Galicia, o proxecto ten un presuposto de 150.000 euros para a repavimentación e a limpeza de gabias.
O 6 de xullo é a data límite posta polo Concello de Ordes para recibir a documentación pertinente e poder optar á licitación das obras de mellora da vía entre O Casal e A Armada en Vilamaior. O presuposto final desta obra ascende a 149.960,59 € (123.934,37 € sen IVE). Dende a Consellería de Medio Rural concedeuse unha axuda de 84.307 €, cantidade que será achegada en dúas anualidades. A do presente ano ascende a 34.346,67 €, mentres que no vindeiro 2027 serán 49.960,33 €.
A vía posúe unha lonxitude de 1.595 m cun ancho de 6,75 m (92 m² abanicos). As tarefas pasan pola limpeza de gabias en ambas as marxes e a mellora da capa de rodaxe. Aplicarase aglomerado quente tras reparar as fochancas e o perfilado de mordentes. Por último pintarase a sinalización horizontal con liñas de bordo e eixo e colocarase un sinal de stop.
O Concello de Ordes incluíu este proxecto no Plan Camiños Rurais 2026-2027, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027. É a continuidade da actuación realizada o ano pasado co mesmo plan, no proxecto de afirmado executado entre o límite con Mesía e o cruce de desvío ao Castro.
A obra proxectada ten como finalidade concreta a conservación e a mellora das infraestruturas rurais, particularmente a dos camiños. Quérese deste xeito facilitar a accesibilidade e a vertebración do territorio á par que se contribúe ao aumento da competitividade agraria e forestal.