O importe das obras ascende a algo máis de 278.000 euros e inclúe tamén a construción de canalizacións de augas pluviais

O Concello de Ordes abre a licitación para a mellora das vías de acceso aos núcleos de Vilasenín, A Espiñeira e Bailía, situados na parroquia de Leira. O importe desta intervención ascende a 278.786,20 € (230.401,82 € sen IVE). As obras inclúense no POS+ Adicional 4/2025, e contan cunha aportación económica de 66.861,10 € da administración local.

         O proxecto atende na súa totalidade a unha superficie de 11.735 m² nos que a principal actuación será a aplicación de aglomerado en quente. No núcleo de Vilasenín tamén se inclúe a renovación de 870 m² empregando grixo e formigón. Ademais, procederase coa canalización do abastecemento mediante 280 m de tubo de polietileno e a colocación de válvulas de comporta e arquetas para o aloxamento das chaves. Tamén se mellorará a recollida de pluviais mediante a canalización de 300 m de tubo de polipropileno corrugado e coa colocación de arquetas sumidoiro, pozos de rexistro, canle de fundición dúctil e embocaduras para cano.

         Finalmente limparanse as gabias e salvagabias para unha correcta drenaxe, executaranse 235 metros de cunetas de seguridade, a sinalización horizontal, o pintado de liñas de bordo e símbolos, ademais da colocación de sinais de stop.

        As empresas interesadas disporán ata o 27 de xullo para facer chegar a documentación precisa a través do perfil do contratante do Concello de Ordes.
 

Aberto o proceso de licitación para mellorar os accesos a Vilasenín, A Espiñeira e Bailía