AECOR fai entrega das primeiras entradas para o seu bingo musical
Terá lugar o 6 de xuño con cinco liñas de premios de 120 euros cada unha e un bono de 1.000 euros
Un ano máis AECOR Centro Comercial Aberto lanza a campaña máis sonora das que realiza, o Bingo Musical. Ata o 6 de xuño poderanse conseguir as entradas para poder asistir ao sorteo, que terá lugar ese mesmo día ás 20 horas no Campo da Feira.
Bastará con realizar unha compra superior a 20 euros para poder conseguir a correspondente entrada, o que lle dará dereito a recibir o seu cartón (un por persoa). O bingo terá unha temática musical, polo que cada número terá unha canción asociada que deberá identificarse para o seu marcado. Haberá cinco premios cun valor estimado de 120 euros en produtos e artigos para os primeiros en cantar liña. Ademais, tamén se poderá conseguir un premio especial dun bono de 1.000 euros para gastar nos establecementos asociados. As persoas que acudan disfrazadas terán un agasallo asegurado. A cita contará coa animación dun Deejay.
As bases desta nova campaña xa se poden consultar dende o día de hoxe na páxina www.aecorcca.com. Entre as entidades colaboradoras nesta nova iniciativa figuran o Concello de Ordes, Comercio Galego e a Xunta de Galicia.