O VII Trofeo Concello de Ordes converterá a vila na capital do ciclismo Máster
A competición disputarase o 6 de xuño, cun percorrido de 74,6 quilómetros.
A vila de Ordes xa se prepara para recibir unha das citas deportivas máis agardadas, o VII Trofeo de Ciclismo Concello de Ordes. O evento, puntuable no ránking da Federación Galega de Ciclismo, terá lugar o vindeiro 6 de xuño e reunirá a corredores das categorías Máster 30, 40, 50 e 60.
A organización prevé que o número de participantes volva superar un ano máis o centenar. Para participar na proba é imprescindible contar coa licenza federativa en vigor. O prazo para apuntarse estará aberto ata o 3 de xuño.
A proba terá o seu punto neurálxico no centro da vila e contará con dúas voltas. Tanto a liña de saída como a de meta estarán situadas diante do Concello. O inicio da carreira está programado para as 16 horas, momento no que os ciclistas arrancarán un percorrido de 74,6 quilómetros. O itinerario discorrerá tamén por diversos puntos do municipio de Cerceda antes de regresar novamente ao núcleo urbano ordense, onde se estima que a competición finalice arredor das 18:28 horas.
A organización desta sétima edición conta co apoio fundamental da Federación Galega de Ciclismo e co do Concello de Ordes. O evento faise posible tamén grazas ao patrocinio e á colaboración de diversas entidades como NorInver Montaxes e Enxeñería, Bar Camiñante, Electricidade Galega, Silmaplast, Kömmerling e o Club Ciclista Cidade de Santiago.