O Pleno municipal designa de xeito unánime ao historiador Francisco Sandoval Verea como cronista oficial do Concello

O Concello de Ordes contará cun novo regulamento interno de control económico e financeiro. Levarase a cabo polo departamento de Intervención, o cal contará con distintos procedementos e instrumentos para poder desenvolver o seu exercicio e axilizar a tramitación de expedientes. Tras a aprobación inicial no Pleno celebrado onte, dótase dun marco normativo que evita ter que recorrer a normas dispersas para poder aplicar un réxime de fiscalización. Ata o de agora, este viña establecido nas bases de execución dos orzamentos dun xeito máis xenérico, polo que a nova medida incrementará a eficacia.
        Máis concretamente, a modalidade escollida é a de fiscalización previa limitada, a cal se centra na comprobación de requisitos básicos como a existencia de crédito, a adecuación do gasto ou a competencia do órgano. O sistema compleméntase cun control financeiro por mostraxe, no que posteriormente se revisan os expedientes para asegurar que a xestión económica completa se encadra dentro da legalidade.
         Neste sentido, o BNG demandou do Goberno local “medios reais que permitan ao persoal poder facer este labor”. Tamén que os informes sexan remitidos á corporación municipal “para non perder a capacidade de fiscalización”, indicou o voceiro Pablo Vidal.
         O PSdeG-PSOE de Ordes criticou que neste punto os esforzos se centren en aplicar “mecanismos de prevención máis que no control correctivo para evitar situacións irregulares”, sentenciou Noelia Ribadas. Os socialistas apostaron por un modelo de fiscalización previa plena, moi especialmente na contratación de obras e servizos. Insistiron na necesidade de aplicar medidas preventivas “que non permitan tramitacións ou obrigas derivadas de facturas que non estean vinculadas a un expediente de gasto previamente iniciado e dotado de crédito”. Non obstante, comparten a necesidade dun regulamento propio de control interno da actividade económica do Concello.
         Á hora da votación, o Goberno local emitiu os seus 9 votos favorables fronte ás 8 abstencións de toda a oposición.

Cronista oficial

Onde si se acadou unanimidade foi na designación de Francisco Sandoval Verea como cronista oficial do Concello de Ordes. Aínda que nado na Coruña, dende ben neno Francisco Sandoval trasladouse ao municipio ordense, de onde é orixinaria a súa familia materna. Licenciado en Xeografía e Historia, nas especialidades de Historia Moderna, Biblioteconomía e Arquivística, conta tamén cun doutoramento pola Universidade de Santiago de Compostela. A esta titulación súmaselle unha diplomatura en Biblioteconomía e Documentación pola Universidade da Coruña. Dende o ano 2003 é técnico de arquivos da Xunta de Galicia, estando especializado na área de difusión e destacando na divulgación do patrimonio documental.
         Toda esta traxectoria compatibilízaa cos seus traballos de investigación histórica, boa parte centrada na comarca de Ordes durante a Idade Moderna e principios da Contemporánea. Así, en 1999 dá a coñecer a memoria da súa licenciatura baixo o título A xurisdición de Folgoso a finais do antigo réxime, na cal aborda o estudo desta circunscrición administrativa que comprendía 21 parroquias dos actuais municipios de Ordes, Frades e Oroso.
         Francisco Sandoval Verea obtivo o XXIV Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo en 2023 pola obra A paisaxe e a organización do espazo do interior coruñés durante os séculos XVI a XIX. Un galardón co que se recoñece o seu traballo pola análise detallada da transformación do territorio na comarca de Ordes.
         Compútanselle un total de 62 colaboracións en publicacións periódicas e a súa participación en 8 obras colectivas. Sobresae tamén a súa contribución na difusión e recuperación da figura de Isabel Zendal e das súas orixes ordenses.