Mondra abrirá unha celebración na que tamén figuran Mago de Oz ou a orquestra París de Noia entre outros. Música, folclore, showcookings, degustacións e moito máis forman parte do programa desta edición. AECOR entregará o segundo Champiñón de Ouro

Ordes ultima detalles para celebrar ao longo de toda esta fin de semana a que será a trixésimo quinta edición da Festa do Champiñón. O ambiente de celebración xa se empeza a notar en toda a vila. Non só entre a veciñanza senón tamén entre o persoal da hostalería, que xa está a preparalo todo para poder cociñar a mellor receita das que se servirán nos próximos días cos champiñóns como ingrediente principal.

A cifra de visitantes acadada o ano pasado, situada en varios milleiros, espera superarse esta vez dadas as boas predicións meteorolóxicas. Algo que fará posible que a festa se viva e se desenvolva no espazo máis propicio para isto, a rúa.

A programación arrincará o venres, día 24, cunha verbena a cargo da orquestra La Fórmula e un concerto de Mondra, ás 22.30 e 23.30 horas respectivamente, no Campo da Feira. O sábado 25 incluirá actividades desde primeira hora da mañá. Entre elas os pasacalles de Embruxo Gaiteiros e Camiño Real de Poulo a partir das 10 horas. Continuando co sábado, ás 13 horas dará comezo a sesión vermú coas actuacións de DJ Jesusinho e Charanga TNT. Ás 19 horas a escola de baile Tropicalia ofrecerá unha exhibición, previa ao seguinte pase de Charanga TNT (20h) e á do grupo Finisterre (22h). Pouco antes da media noite Mago de Oz levantará o pano para ofrecer un gran concerto que, sen dúbida, achegará a un bo número de seguidores/as (23.30h).

A xornada do domingo 26 dará comezo cos sons e ritmos tradicionais da A.C. Leira Gaiteiros, A. C. As pandeireteiras de Ardevento e A.F. Sementes da Arte. Non faltarán tampouco a Banda de Música de Ordes, que terá pasacalles e actuación ás 11 e 13 horas. Unha hora máis tarde dará comezo a actuación do grupo Alaska (14h).  A Charanga BB+ (17h), París de Noia e Capitol (18h) serán os encargados de poñer o punto e remate á celebración deste ano.

Tanto o sábado como o domingo haberá showcookings no Campo da Feira nos que se ofrecerán de balde receitas elaboradas con champiñóns (de 12 a 18 horas). Por suposto non faltarán polbeiras durante toda a fin de semana. As persoas que queiran gardar unha imaxe de recordo poderán tomar unha foto no photocall con Champi, a mascota da festa, na mesma entrada do recinto feiral. Dende o Concello animan a todos e todas a subila ás redes sociais co cancelo #champi, para así acadar unha maior visibilidade e promoción.     

Maquinaria e artesanía
Arredor das 12.30 horas do sábado na axenda do alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, figura o recibimento ás autoridades que a día de hoxe xa teñen confirmada a súa presenza. Entre eles figuran o presidente e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e Xosé Regueira Varela respectivamente; a directora xeral de AGADER, María Paz Rodríguez Rivera. Non faltarán tampouco representantes locais do resto de municipios da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, así como o xerente da ASDECOMOR, Domingo Lojo Caamaño.
     
Todas e todos xuntos realizarán unha visita tanto á feira de maquinaria agrícola como ao mercado de artesanía instalados nas inmediacións do centro médico e na alameda respectivamente. No primeiro caso serán máis de 15 firmas comerciais procedentes tanto de Ordes como doutros municipios da mancomunidade ou de Santa Comba. Nos seus expositores poderán verse as últimas novidades en tractores, cisternas, ensiladoras, remolques, espilidores ou rozadoiras-telescópicas. A maiores tamén haberá unha feira con ducias de tractores antigos.
      
No que respecta ao mercado de artesanía novamente o número máximo de 20 postos que se habilitarán na carpa xa está completo dende hai tempo. Como novidade este ano haberá produtos relacionados cos cogomelos e os champiñóns na sección de alimentación.

Un ano máis o Concello de Ordes conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Xacobeo 2027 e Galicia Calidade para levar a cabo unha nova edición dunha das súas festas gastronómicas de maior sona.

Reordenación do tráfico

A reordenación temporal do tráfico para garantir a seguridade e o correcto desenvolvemento dos festexos xa se leva iniciada dende hai  horas. Está previsto que ata o próximo luns, xornada festiva local, se produzan restricións puntuais na contorna do recinto festivo. O acceso á explanada do Campo da Feira xa está prohibido, ao igual que o estacionamento na rúa Muíño e na marxe dereita da rúa da Feira (sentido rotonda).
     
Premio AECOR

AECOR outorgará por segundo ano consecutivo o seu champiñón de ouro ao establecemento cuxa tapa reciba a maior puntuación por parte do público. O xeito de participar é ben sinxelo. Basta con escanear o código QR que cada bar ou restaurante ten asignado para, a través da app AecorClub, poder emitir a valoración. Aquel que reciba o maior número de estrelas alzarase co diploma. As persoas que participen entrarán no sorteo dun vale de 50 euros para consumilo no establecemento gañador. Na iniciativa participan o Concello de Ordes, a Xunta de Galicia, Comercio Galego e a Deputación da Coruña.