Máis de 30 atletas están convocados nas instalacións de Vista Alegre para tratar de acadar as mellores marcas en martelo, disco e xavelina

As pistas de atletismo da Cidade Deportiva de Vista Alegre, en Ordes, acollerán mañá dende as 17 horas as probas correspondentes á terceira xornada do II Circuíto Galego de Lanzamentos Longos. En total son 36 deportistas os admitidos nas probas de disco (800 gr, 1 kg, 1,5 kg e 1,750 kg), martelo (3 kg, 4 kg, 5 kg e 6 kg) e xavelina (500 gr e 700 gr) que mañá se darán cita na localidade. 

Os clubs que competirán pola mellor marca son: Atletismo Ordes, Atlética A Silva, Club Atletismo Sada, Sanysec-Club Ourense Atletismo, S.G. Pontevedra, C.D. La Purisima, Lucus Caixa Rural Galega, C.A. Santiago, Club Atletismo Narón, Atletismo Samertolameu e Viguesa de Atletismo.

Na celebración desta competición participan de xeito conxunto o Concello de Ordes, Deporte Galego, Xunta de Galicia e, como principal organizador, a Federación Galega de Atletismo.