Organizado por Camiño Real de Poulo, o sábado 18 de abril na Casa da Cultura, actuarán tamén as asociacións culturais Santa María de Torás (Laracha) e Lembranzas da Ría (Cangas)

O Concello de Ordes reafirma o seu compromiso coa celebración da terceira edición do Festival Infantil Dende o Colo, organizado pola Asociación Cultural Camiño Real de Poulo. Este ano levarase a cabo o sábado 18 de abril, a partir das 17 horas na Casa da Cultura de Ordes. Nesta ocasión as agrupacións convidadas a actuar no auditorio María del Carmen Regueira Amor foron as asociacións culturais Santa María de Torás (Laracha) e Lembranzas da Ría (Cangas).

     O festival nace co obxectivo fundamental de transmitir ás novas xeracións o amor pola música, o baile e as tradicións galegas. Todo isto salientando a importancia de iniciar o contacto coa cultura tradicional desde as etapas máis temperás da infancia. Á par, a cita tamén quere servir de intercambio de experiencias e coñecementos entre distintas formacións, fomentando o contacto entre rapazada coas mesmas preferencias, gustos e intereses culturais.

     A entrada será de balde ata completar a capacidade da Casa da Cultura. Ademais da Deputación da Coruña e do Concello de Ordes, o festival conta co patrocinio da Casa Grande de Xanceda