O acto terá lugar mañá venres pola tarde. A autora, Mercedes Soneira López, estará acompañada polo alcalde de Ordes entre outros

Mañá venres día 17 o auditorio María del Carmen Regueira Amor, na Casa da Cultura de Ordes, acollerá a presentación do libro Ondinas e Misterios, da autora Mercedes Soneira López, natural da parroquia de Beán.

     A obra aborda o cambio social dos últimos anos, centrándose na loita e no apoderamento feminino por riba dos convencionalismos sustentados na tradición e en nesgos culturais e sociolóxicos. A autora válese dunha estética vinculada ao imaxinario mariño, utilizando elementos mitolóxicos como fíos condutores da trama principal. Na presentación intervirán o editor e xestor cultural Manuel Santiago Arena Roca, a profesora de Filoloxía Inglesa Rocío Vázquez e o alcalde de Ordes José Luis Martínez Sanjurjo. Todos eles acompañarán á autora nunha conversa arredor do libro e do seu proceso creativo. 

     O acto estará aberto a todo o público que queira asistir ata completar a capacidade. Aquelas persoas que queiran reservar algún exemplar da obra están a tempo de facelo chamando ao teléfono 981 222 442. Con actos deste tipo desde o Concello de Ordes búscase fomentar o encontro entre escritores e lectores, ademais de promover a creación literaria galega contemporánea.

     Ondinas e Misterios é o segundo libro de Mercedes Soneira tras Huellas, obra na que combina prosa e verso para narrar a evolución persoal da parella de protagonistas. Unhas vidas diametralmente opostas debido á situación social das súas familias nos anos da ditadura franquista. 
 

Presentación do libro Ondinas e Misterios na Casa da Cultura