Festa e xantar popular da AAVV Díaz Porlier
Vaise celebrar o 30 de maio no local social de Merelle
A Asociación Veciñal Díaz Porlier, en colaboración co Concello de Ordes, anuncia a celebración da súa festa anual o vindeiro sábado 30 de maio no local social de Merelle.
O programa xirará arredor dun xantar popular que inclúe un menú tipicamente galego composto por empanada, polbo, churrasco mixto con patacas fritas, e sobremesas tradicionais como larpeira e bica. Completarase con bebidas (refrescos, auga e viño tinto e branco), café e vasos de chopo. Pola tarde, haberá actuacións musicais e inchables para os máis pequenos/as, que ademais terán merenda a cargo da asociación. Os prezos establecidos para o xantar son 37 € para os socios, 42 € para os non socios e 18 € para a rapazada de 6 a 12 anos. Os nenos e nenas ata 5 anos poderán asistir gratis. Os tíckets haberá que adquirilos antes do 20 de maio en Rama Peluquero e a Peluquería Zibá.