O servizo cubrirá o período que vai do 20 de xuño ao 31 de agosto

O Concello de Ordes vén de anunciar o inicio do procedemento de adxudicación para a explotación da cafetería da piscina municipal descuberta do Muíño. A duración da concesión abrangue dende o 20 de xuño ata o 31 de agosto de 2026, coincidindo coa apertura ao público das instalacións.

     O contrato defínese como unha concesión de servizos pola cal o adxudicatario xestionará o servizo de barra e a zona de terraza, cunha capacidade para 22 e 65 persoas respectivamente. A oferta permitida inclúe expedir todo tipo de bebidas e restauración sinxela, habitualmente á prancha, grazas ao pequeno servizo de cociña co que conta o inmoble.

     O orzamento base de licitación fixouse nun canon mensual mínimo de 100 euros, que deberá ser aboado polo adxudicatario ao Concello. O valor estimado do contrato cífrase en 15.022,54 €, establecido en base ao volume máximo de negocio previsible pola explotación do servizo de cafetería. O sistema de adxudicación será mediante procedemento aberto, valorando como criterio principal o canon mensual ofertado á alza, sendo o 11 de maio a data límite para poder presentar ofertas a través da Plataforma de Contratación do Sector Público. 

     Poderán participar no proceso tanto persoas físicas como xurídicas que acrediten solvencia técnica e profesional. Entre os requisitos destacados atópase a posesión do carné de manipulación de alimentos e a subscrición dun seguro de responsabilidade civil de, polo menos, 300.000 euros.

     Con esta medida o Concello de Ordes busca dinamizar as súas instalacións, ofrecendo á veciñanza e visitantes un espazo de ocio e restauración completo durante os meses de verán.