Ordes prepárase un ano máis para o seu ‘Champiñón’
O Concello continúa apostando por unha perspectiva festiva e gastronómica cun cartel no que figuran Mago de Oz, Mondra, París de Noia, Capitol, Dj Jesusinho ou as charangas TNT e BB+ entre outros. Non faltarán as degustacións gratuítas e feiras artesanais e agrícolas.
Ordes prepárase para celebrar a trixésimo quinta edición da Festa do Champiñón os días 24, 25 e 26 de abril. Durante as tres xornadas a localidade converterase no epicentro da gastronomía e da cultura arredor deste produto. Un ano máis bares, restaurantes e establecementos hostaleiros terán o seu protagonismo co ofrecemento de balde de tapas e racións elaboradas con champiñóns.
A programación arrincará o venres cunha verbena a cargo da orquestra La Fórmula e un concerto de Mondra ás 22.30 e 23.30 horas respectivamente. O sábado incluirá actividades desde primeira hora da mañá. Entre elas os pasacalles de Embruxo Gaiteiros e Camiño Real de Poulo a partir das 10 horas. Ás 13 horas dará comezo a sesión vermú, que nesta ocasión contará coas actuación de DJ Jesusinho e Charanga TNT. Ás 19 horas a escola de baile Tropicalia ofrecerá unha exhibición, previa ao seguinte pase de Charanga TNT (20h) e á do grupo Finisterre (22h). Pouco antes da media noite Mago de Oz levantará o pano para ofrecer un gran concerto que, sen dúbida, achegará a un bo número de seguidores/as (23.30h).
A xornada do domingo dará comezo cos sons e ritmos tradicionais da A.C. Leira Gaiteiros, A. C. As pandeireteiras de Ardevento e A.F. Sementes da Arte. Non faltarán tampouco a Banda de Música de Ordes, que terá pasacalles e actuación ás 11 e 13 horas. Unha hora máis tarde dará comezo a actuación do grupo Alaska (14h). A Charanga BB+ (17h), París de Noia e Capitol (18h) serán os encargados de poñer o punto e remate á celebración deste ano.
A maiores cómpre engadir que tanto o sábado como o domingo haberá showcookings no Campo da Feira nos que se ofrecerán de balde receitas elaboradas con champiñóns (De 12 a 18 horas). Por suposto non faltarán polbeiras durante toda a fin de semana. Ambos os días haberá tamén feira de artesanía e de maquinaria agrícola, cuxas portas abrirán dende as 10 da mañá na alameda e nas inmediacións do centro médico respectivamente.
Deste xeito o Concello de Ordes continúa co labor de consolidar a Festa do Champiñón como unha cita de referencia na que se mesturan tradición, promoción hostaleira, diversión e dinamización cultural. Un esforzo conxunto que tamén apoian AECOR, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Xacobeo 2027 e Galicia Calidade.