Cortada ao tráfico a rúa Emilia Pardo Bazán
Débese ao inicio das obras de humanización, orzamentadas en algo máis de 135.000 euros.
Dende hoxe o tránsito de vehículos pola rúa Emilia Pardo Bazán quedará pechado debido ás obras proxectadas neste tramo. Alternativamente e ata novo aviso o tráfico desviarase polas rúas Manuel Murguía, García Gerpe e Pascual Veiga.
Arranca así a execución das obras de humanización levadas a cabo polo Concello de Ordes, cuxo orzamento ascende a 135.419,57 € (IVE incluído). O proxecto pasa pola renovación completa dos pavimentos tras a demolición previa das beirarrúas e dos bordos existentes. Tamén a do pavimento que ocupara a zona de aparcamento. As novas beirarrúas estarán compostas por baldosas de formigón vibrado. En contacto coa zona de aparcamento de vehículos, realizada en formigón puído e aglomerado quente máis baldosas de granito para o carril de circulación, disporase baldosa podotáctil. Tamén se levará a cabo a canalización do sistema de iluminación e a de pluviais mediante tubaxe de polipropileno e arquetas sumidoiro. Finalmente contémplase o pintado da sinalización horizontal e a instalación de sinais verticais.